«A São Paulo levo contadas miñas e da emigración»
Deza
O contacontos lalinense partiu onte para Brasil onde actuará na Universidade e na Casa de Galicia
22 May 2008. Actualizado a las 12:16 h.
O dezano Celso Fernández vai a Brasil a contar contos. Alí estará oito días entre ida e volta, segundo apunta antes de marchar.
-¿Como xurde esta viaxe?
-A través dun rapaz que coñezo, Paul do Canizo, que me falou desta posibilidade mentras almorzabamos. Pasou un tempo, pasóuseme o asunto pero de súpeto chamoume e díxome que estaba todo arranxado e que só faltaba eu.
-¿Onde serán as contadas?
-O rapaz que é a miña conexión en São Paulo traballa na universidade, preparando unha unidade didáctica sobre a tradición oral. Estaba interesado en levar un contacontos, e chámoume, pero tamén participará na actividade o filólogo Enrique Monteagudo. Ate onde sei farei contadas na universidade e tamén se están facendo contactos para que poida estar na Casa de Galicia.
-¿Que historias leva en carteira a Brasil?
-Levo contadas miñas e da emigración. Levo o que levo a todos os sitios, as contadas que sei e aquelas que me foron contando ao longo destes anos. Pero tamén están todas aquelas que eu voltei a facer, as que refixen.
-Estivo en toda Galicia e en Euskadi, ¿é a viaxe máis lonxe da terra?
-Penso que sí. Estiven tamén en Nicaragua, pero as contadas que fixen alí foron por casualidade. Non me desprazara ate alí para iso, pero logo xurdiu a oportunidade... De Euskadi gardo moi boas lembranzas. Dende que baixei do avión ate que voltei a subir non deixei de falar en galego. Mozos do campus de Vitoria, que me levaron a tomar algo pola noite, me pediron que falara galego para practicar.
-¡Ilusionado?
-Moito. Nunca tés a seguridade que habitualmente posúes aquí, estás fóra do ámbito normal de traballo, pero sabes perfectamente o que levas en carteira. Son contadas nas que as emocións están sempre moi presentes, sobre todo se as realizas en centros galegos no exterior.
-¿Algunha vez se quedou en branco nunha contada, tendo en conta o volume de contos que coñece?
-Que me lembre, unha vez. Iso ocorre se estás nervioso. A verdade é que é fácil que che pase, a cabeza é a cabeza. Tamén te podes quedar coxo de súpeto.
-Por certo, ¿en que fase está a horta ecolóxica-musical que puxeron en marcha?
-Vai ben e vai regular. Non deixa de chover e as cousas non medran. A finca parece un lameiro. Hoxe -por onte- fomos á feira a mercar pementos de Padrón e tomates pero terán que esperar un pouco para prantar.
-¿Os músicos comezaron a compoñer?
-O traballo xa está bastante avanzado e varios músicos xa comezaron as súas composicións. Están chegando os primeiros froitos da horta.