La Voz de Galicia

No camiño

Deza

A. CAAMAÑO

EL CRISOL | O |

10 Mar 2007. Actualizado a las 06:00 h.

ESTIVEN tentado a comezar a escribir facendo alusión a un anuncio de vehículos -¿existe outra publicidade?-pero creo que respectarei a distancia entre os medios. Insistirei, iso si, nunha teima da prensa local: o particular andazo que afecta ás fochancas e fincas a ambas beiras das estradas que recorren Deza e Tabeirós. Museos dos horrores do consumo excesivo, teimudas persistencias de antigas novidades que non desaparecen de todo, ou último cemiterio dos teitos que -a Deus grazas-cobren as nosas cabezas. É rechamante que a primeira reacción que causan os vertedoiros entre a cidadanía e a do noxo visual. «Vas pola estrada e é moi feo ver isto». Os ollos facendo de cámara cun encadre feito dos marcos das fiestras pasan revista á postal antes coñecida como natureza galega: «Verde, ben, val, ben, monte, ben, lixo,...». Aquí algo falla, e o condutor no camiño sinte que parte dese lixo laranxa, branco e enferruxado lle estragou unha boa película. Chega ao cubículo de cemento ao que esta hipotecado, e aínda que non moito, sabe que no repaso aos lugares que coñece hai algo que non se está a facer ben, que traizoou á simulación normal. Por iso, moitas das accións encamiñadas a erradicar estes vertedoiros cumpren a función de restablecer a paisaxe, de recompoñer o cadro. Unha loita para manter, polo menos, do último estadio da natureza galaica do que podemos gozar a maioría: da mirada, da paisaxe. Se noutro tempo, as aventuras motorizadas unían un mundo dividido por distancias colosais, a próxima fronteira será a de achegarse ao próximo, de camiñar entre o que máis custa manter: o común. Volver a dotar de vida todo o terreo que foi desprazado polas necesidades imperativas ou superficiais é un traballo titánico, utópico. Non está feito para a desidia, nin para os que non asumiron unha nova situación.


Comentar