«En menos de doce horas saiu a axuda para a illa de Java»
Deza
Entrevista | Soledad Sánchez Trujillano DIRECTORA - XERENTE DA AXENCIA HUMANITARIA DE GALICIA O tremor que sacudiu Indonesia deixou cinco mil mortos e vinte mil feridos. Dende Galiza partiu material sanitario
29 May 2006. Actualizado a las 07:00 h.
A pasada fin de semana foi ben longa para a lalinense Soledad Sánchez. -Dende o momento en que Indonesia pide axuda á comunidade internacional comezamos a traballar, xa que só o podemos facer se o país pide colaboración ante unha catástrofe como foi o caso da illa de Java. O domingo tivemos unha reunión en Madrid con responsables da embaixada que nos fixeron chegar as demandas más urxentes. -¿Cales son? -Material sanitario e farmacolóxico é o que nos pediron e en menos de doce horas saiu a axuda para a illa de Java. Ao mediodía de onte partiu da base aérea de Torrejón de Ardoz o primeiro avión con axuda humanitaria española que se envía á zona. Unha acción que está coordinada pola Axencia Española de Cooperación Internacional e na que nós mandamos medicamentos para atender a dez mil persoas durante tres meses. Por outra banda, foron enviados mil quilos de equipamentos e medicamentos cos que se poderán ir paliando emerxencias sanitarias xa que o número de feridos é moi elevado, mesmo poderá incrementarse ao producirse o tremor pola noite. -¿Está previsto algún desprazamento ata alí por parte da axencia? -Non. Alí traballan axencias múltiples dende que foi o tsunami polo que consideramos que non é preciso desprazarse para evaluar a situación. Hai xente de abondo, coñecen a zona e teñen constancia de todas as necesidades. -¿Estamos a falar da principal acción da axencia galega dende que é presidenta da mesma? -Recentemente actuamos no Sáhara cando viñeron aquelas choivas torrenciais pero esta situación é totalmente diferente. Aquí falamos dunha resposta de máxima urxencia na que foi preciso activar a fase de emerxencia de seguido. Descartouse o envío de equipos de rescate polo tempo que pasou e polo tipo tamén das construccións da zona.