O C.N. Lalín compite dende mañá no español de G-4
Deza
O club está representado en Valladolid por cinco nadadores O obxectivo é rebaixar os tempos acadados o ano pasado, e loitar por algunha medalla
15 Feb 2006. Actualizado a las 06:00 h.
Os nadadores do C.N. Lalín Daniel Fernández, Alba Rubial, Mónica Trujillo, Alba Ramos e Marcos Fernández atópanse dende onte en Valladolid para participar dende mañá no Campeonato de España de Inverno de categoría G-4. Os deportistas do club lalinense forman parte dos 446 nadadores de toda España que participan no campionato. As probas darán comezo mañá á tarde e continuarán ata o domingo. Os cinco nadadores do C.N. Lalín desputarán un total de 12 probas. Daniel Fernández compite en 200 metros braza; Alba Rubial participa en 100 estilos, 50 bolboreta e 100 e 200 metros costas. Pola súa banda, Mónica Trujillo nadará na piscina Parquesol as probas de 50, 100 e 200 metros bolboreta. As distancias de 200 e 400 metros costas serán as que percorrerán tanto Alba Ramos como Marcos Fernández. Os cinco membros da expedición lalinense que compiten na proba española contan xa con experiencia neste campionato. De feito, o ano pasado Mónica Trujillo voltou para Lalín cun bronce nos 100 metros bolboreta, e cun cuarto posto na modalidade de 200. Aínda que este ano non se descarta acadar medallas, o obxectivo co que viaxan os nadadores do club lalinense é o de rebaixar as súas marcas persoais. «Nosotros vamos a ir a por todas, pero es cierto que toca pelear duro porque hay muchísimo nivel», recoñecía onte Émerson Ramírez, técnico dos lalinenses. Os cinco deportistas do club de Lalín chegan ao Campeonato de España de Inverno de G-4 nun gran momento. «Creo que los cinco están muy bien tanto física como psicológicamente. Están bastante fuertes», opina Émerson Ramírez. Outro factor a priori positivo para os nadadores do Deza é a experiencia que teñen nesta competición. Todos eles participaron anteriormente na proba, co cal coñecen aos seus rivais, e chegan con outra tranquilidade á piscina de Parquesol. Todos eles parten co obxectivo de mellorar os tempos acadados o ano pasado, un aliciente máis á hora de tentar mellorar os rexistros. Duatlón Ana García, Xulio Canda, Agustín Crespo e Armando Piñeiro, da sección de duatlón do C.N. Lalín participaron o pasado día 12 no Duatlón popular Concello de Ames, en Milladoiro. O mellor resultado foi o acadado por Piñeiro, que rematou terceiro en veteranos. Pola súa banda Agustín Crespo firmou unha boa actuación no segmento ciclista, e Ana García finalizou con éxito o seu debú en duatlón. Canda acusou algúns problemas físicos que non lle impediron rematar a competición.