La Voz de Galicia

Bieto Ledo e Antón Pulido asumen a dirección dos Premios da Crítica

Cultura

la voz /  redacción

Segundo Bieito, a primeira intención é que este ano se celebren os premios, pero excepcionalmente no mes de outubro en lugar de celebrarse no mes de maio, como viña sendo habitual.

23 May 2011. Actualizado a las 06:00 h.

Bieto Ledo e Antón Pulido asumirán a dirección dos Premios da Crítica como presidente e secretario da fundación que os organiza tralos problemas ocorridos en pasadas semanas, que puxeron en perigo a celebración dos galardóns.

Segundo Bieito Ledo, a primeira intención é que este ano se celebren os premios, pero excepcionalmente no mes de outubro en lugar de celebrarse no mes de maio, como viña sendo habitual.

Tanto Ledo como Pulido anunciaron unha rolda de entrevistas con diferentes persoeiros das institucións culturais galegas para relanzar estes premios fundados na década dos setenta. Nesta rolda está previsto que visiten ao conselleiro de Cultura, que é unha das institucións que exerce protectorado sobre os premios, e tamén ao presidente da Real Academia Galega. Entre as intencións dos novos presidente e secretario da Fundación Premios da Crítica de Galicia está a de aproveitar a circunstancia actual para renovar os premios e integrar neles a xente nova.

Segundo salienta Bieito Ledo, os premios levan trinta e tres edicións e non teñen dotación económica, sinalando que os premiados nas distintas categorías durante todos estes anos «supoñen unha verdadeira radiografía da cultura galega».

Para destacar a importancia do premio, Bieito Ledo sinala tamén que entre os premiados hai personalidades tan singulares como Francisco Fernández del Riego, Xosé Filgueira Valverde, Isaac díaz Pardo ou Ramón Cacabelos. Entre os seus xurados figuraron Álvaro Cunqueiro, E. Blanco Amor, Celso Emilio Ferreiro ou Carlos Casares.


Comentar