La Voz de Galicia

Grazas por non esquecelos

A Coruña

Raquel Villamor Irmá de José Villamor

28 Jan 2014. Actualizado a las 07:00 h.

Eran as 5.30 da madrugada do xoves ao venres do 27 de xaneiro do 2012. Tres policías terminaban o turno, que comezara non sen antes despedirse das súas parellas: «Espera que volva, que tomamos o Cola-Cao xuntos». Ou os seus benditos pais: «Tede coidadoooooo! Que vai pasar? Andaaaaa, faime un bocadillo que a noite é moi longa. Ven Rodrigo, que tes mal cosido ese botón»... Pero pasou: unha ola arrasou cos seus planes de futuro, de vivir a vida, de seguir gozando de seu traballo, de seguir axudando. Esa ola arrasou tamén coa vida das tres familias da Coruña, Burela e Friol, que se recompoñen pouquiño a pouco, chorando todos os días polos seus fillos, que marcharon antes de tempo. Pero ao mesmo que choran, o orgullo sae polos poros da nosa pel. Marcharon facendo o que querían, axudar, e ante iso, só dar as grazas por haber gozado deles, dos seus sorrisos, dos marabillosos e interminables abrazos... Grazas por haber compartido parte da súa vida.

Pasados dous anos do día que nos marcou para sempre, queremos dar as grazas ao pobo galego e, sobre todo, ao pobo da Coruña, que por todos os lados nos animaban e nos daban cariño, a toda esa xente que nos miraba cos ollos cheos de bágoas, pola rabia, pola pena... A todas as institucións, públicas e privadas (non nomeo a ninguén por si me esquezo), que fixeron o imposible por devolvernos o que o mar nos arrebatou nunha batalla desigual...

Eu, persoalmente, a irmá de José Villamor, quero darlle as grazas por este medio aos mergulladores do clube San Amaro, que atoparon ao meu irmán da alma, enganchado nas rocas das Escravas, e que estaban alí axudando de forma desinteresada, devolvendo na medida que puideron o esforzo en vano de Javier, Rodrigo e José. Grazas de todo corazón. Grazas a todos.


Comentar