«A ciencia está en mans do poder, que é dos homes»
Ciencia
O certame Ciencia en Acción premiou unha iniciativa que deu protagonismo ás mulleres da innovación
01 Oct 2009. Actualizado a las 02:00 h.
A ciencia xa non é, nin foi xamais, un territorio exclusivo de homes. Esa foi unha das premisas nas que se baseou a Comisión de Mulleres Matemáticas da Real Sociedade Matemática Española para levar adiante o proxecto La mujer, innovadora en la ciencia, que botou luz sobre aquelas rapazas que, a pesar da discriminación de xénero á que se viron sometidas, foron quen de aportar grandes avances á sociedade. Agora, o certame Ciencia en Acción decidiu recoñecer unha iniciativa na que están implicadas as profesoras da USC Josefina Ling, Elena Vázquez Cendón e Elena Vázquez Abal.
-¿Son as mulleres as grandes esquecidas da historia da ciencia?
-Totalmente. Por iso, con esta iniciativa quixemos explicar que estamos aí e que ademais estamos innovando. De feito, organizamos un ciclo de conferencias de mulleres que traballan en eidos moi innovadores, como Elena Vázquez Cendón, que mostrou a súa investigación da matemática aplicada á ecoloxía ou a auga.
-Ademais da exposición e das conferencias había material didáctico.
-Fixemos tamén unha especie de libriño con 13 biografías de mulleres que están vivas e traballan na innovación en campos como os ordenadores, a empresa, a universidade... E con idades que van entre os 20 e os 60 anos. Escollemos un abano da visión humana. Tamén editamos marcapáxinas con problemas que os rapaces podían resolver. Despois enviaban as súas solucións á páxina web da sociedade, que publicou as que eran correctas.
-¿A exposición volverá viaxar este ano ao igual que os anteriores?
-Poden pedila todas as entidades sen ánimo de lucro que queiran, pagando só o traslado do material.
-Entón, ¿a ciencia xa non é cousa de homes?
-A ciencia está en mans do poder, que é dos homes. Socialmente, a muller nunca foi visibilizada e en particular, no eido da ciencia, moitas das mulleres que fixeron grandes traballos tiveron que agacharse detrás de nomes masculinos, dos seus maridos e dos seus pais. É un tema que está de completa actualidade, porque está a piques de estrearse o filme Ágora, que conta a historia de Hipatia, unha muller que se converteu nunha gran matemática grazas a que o seu pai se empeñou en os homes e as mulleres debían ter a mesma formación.
-Falan de mulleres na ciencia. ¿Non é necesario facer tamén un proxecto sobre as mulleres que revolucionaron as letras?
-Si, pero o noso proxecto saíu da Real Sociedade Matemática Española, onde hai unha comisión de mulleres e matemáticas e divulgamos o papel da muller no eido científico.