Víctor Santos (Torelo, Vimianzo, 1973) coñece ben a comarca porque leva anos percorréndoa a pe. El é o técnico de deportes do Concello de Vimianzo e o organizador das rutas ás que cada día se suman máis persoas.
-¿Por onde vai a próxima?
-Farémola o 8 de maio e sairá da praza do Concello en Vimianzo para chegar ata o miradoiro do Chan das Lagoas, en Dumbría.
-¿Que se pode ver nesa ruta?
-Ten un percorrido de 22 kilómetros con algunha pendente importante. Saímos en dirección a Ogas e, camiñando por carreteiras secundarias, chegamos aos lagos artificiais que fixo Riotinto no monte de Ogas. Despois pasaremos por Santa Cristina e Pedra do Frade e baixaremos ata Boallo, en Berdoias, onde veremos o pazo e a capela. Despois de comer, veremos petróglifos e o dolmen da Casota.
-¿Contan con moitos camiñantes?
-Nas rutas que facemos veñen sempre unhas 40 persoas. Temos entre 80 e 90 asiduos.
-¿Hai moita afección a camiñar?
-Á xente gústalle camiñar. Vas por aí e sempre ves xente andando, aínda que non haxa afección ao sendeirismo.
-¿Que outros percorridos quedan pendentes?
-No primeiro fin de semana de xuño faremos unha polo Concello de Teo, e na última dese mes, desde Vimianzo ata Cereixo.