La Voz de Galicia

Premio da Cultura Galega para o proxecto Apego, de selo carballés

Carballo municipio

Carballo / La Voz

En representación dos 30 concellos hoxe participantes na iniciativa, foi recollido onte o galardón na gala da Cidade da Cultura, en Santiago

13 Dec 2017. Actualizado a las 05:00 h.

A Cidade da Cultura de Santiago acolleu onte a gala de entrega dos Premios da Cultura Galega, outorgados pola Xunta, e nos que, na categoría de Lingua, o galardón foi parar ao proxecto Apego. A iniciativa, con tres anos de percorrido, naceu na factoría de ideas do curso de verán de dinamización lingüística que se celebra en Carballo. Apego ten como fin incentivar e facilitar a socialización en galego das nenas e os nenos desde a primeira infancia. Hoxe en día, é desenvolvido dende os servizos de normalización lingüística de 30 concellos galegos, e ademais con recoñecido éxito, tal e como amosa o nivel de asistencia das moitas actividades programadas en Carballo, así como o grao de implicación familiar. Na gala de onte , con representantes dos municipios todos, estiveron, pola banda de Carballo, o alcalde, Evencio Ferrero, e mais o técnico de normalización lingüística, Nel Vidal.

Non será este o único recoñecemento que Apego reciba esta semana, en tanto que tamén resultou merecedor do Premio Rosalía de Castro de Lingua da Deputación da Coruña: a entrega será mañá, ás 17.00 horas, en Bergondo.


Comentar