La Voz de Galicia

«Galicia é roqueira e folk»

Carballo

Ángel palmou carballo / la voz músico

SÉS, o grupo que comanda a artista aparca hoxe a súa orquestra para ofrecer un concerto acústico no D?Antón

18 Mar 2011. Actualizado a las 06:00 h.

Os sonidos da música americana, pero cun toque galego -empezando polo uso do idioma nas letras- sustentan a orixinal proposta do grupo SÉS, que comanda a coruñesa, aínda que de orixe carballés -«eu sempre digo que teño algo de bergantiñá»- María Xosé Silvar (1982). Hoxe visitará, co único apoio de Tito Calviño á guitarra, o pub D?Antón, de A Laracha (ás 23.30) para ofrecer un recital acústico, pero sen renunciar ao seu gusto polo rock and blues nin pola mestizaxe: «Gústame desde Víctor Jara a Robert Johnson pasando por Janis Joplin e todas as cantareiras de Galicia. Somos o que comemos e a min sempre me gustou todo tipo de música», explica a intérprete e compositora.

-¿Hai moitas diferenzas entre o espectáculo orquestral co que SÉS estivo en Carballo a mediados do ano pasado e este formato acústico?

-A primeira diferenza é que agora somos só dous, non once coma daquela. Pasamos dun formato máis grande do habitual a un máis pequeno do normal. Algúns dos temas que interpretamos son os mesmos, pero a metade son novos. O acústico e máis interactivo e dá máis posibilidades á participación ao público.

-¿E cal dos dous formatos prefire?

-Cada un ten o seu aquel. A potencia e a adrenalina que che dan once músicos, cunha sección de vento e tres coristas ao teu lado, é tremenda, pero a cercanía coa xente e a maxia que podes acadar no acústico tamén é unha pasada. Alternamos os dous formatos, porque permítenos chegar a máis locais. Co acústico podemos actuar en calquera sitio, mesmo en salas que non están moi preparadas ou incluso nun cuarto de baño se fai falla (ri).

-Hai quen di que en Galicia aínda non hai moita cultura de actuacións en directo en locais.

-O que falta é que se valore iso. Hai xente que protesta por ter que pagar tres euros sen pensar todo o que custa ou o traballo que hai que facer para poder ofrecer un concerto. Os programadores das salas teñen moito mérito porque ás veces perden cartos.

-¿Resulta difícil colarse nos circuitos musicais trala eclosión do folk?

-Eu sempre digo que Galicia é roqueira e folk, pero no senso do rock moderno non do que se facía nos anos 70. Isto fai que outros xéneros sexan máis minoritarios, pero tamén hai xente como Lamatumbá que con outros ritmos meteuse en todos os festivais. No meu caso, o feito de facer un xénero que non está moi tocado aquí é algo que me pode beneficiar porque pode que non o faga moi ben, pero polo menos son a primeira (ri). Ademais, cada vez hai menos prexuízos lingüísticos.

maría xosé silvar músico


Comentar