La Voz de Galicia

O tempo da esfolla é un museo

Carballo

S. G. Rial

Xa quedan poucos labradores, e cada vez menos, que recollan o millo arredor da meda, como se fixo durante décadas

29 Oct 2009. Actualizado a las 02:00 h.

O de agora é un tempo de transición no campo. Non o tempo meteorolóxico, que é de verán pese ao que diga o calendario, senón do outro, o da época. Unha transición de cambio de rumbo, de adeus a traballos e verbas e costumes que permaneceron moitas décadas. Nunca máis volverán: darlle a auga no balde ás vacas, coa fariña; apañar o centeo co fouciño ou a herba seca coa gadaña; cargar o feixe de verzas para as galiñas e os porcos... Mesmo volver a ver as luces da Santa Compaña, o que pasa é que xa é outra historia ben distinta.

Ou a esfolla. A esfolla tamén se vai. Claro que aínda quedan, e se cadra aguantarán cinco ou dez anos, labradores que seguen co balde, coas verzas, co centeo e pode que ata coas luces.

Estes días é tempo de esfolla. Fai anos, entre quince e vinte, cando viñan as máquinas que ensilaban o millo mirábanse como bichos raros. Daquela, a maioría esfollaba. Hoxe pasa ao revés. O raro é ver leiras coa xente arredor da meda. Rematando un proceso que empezou en maio, coa semente. Ou antes, coa preparación da terra. A grada, os tres sachos. Arrincar os pés pegados (rarear), xa grandes. E os que tiñan os carunchos.

Por outubro, agora, é o momento de cortar. Antes, poucos pés chegaban ata os tres metros; agora, poucos non pasan. Antes, todo o millo era do país, duro e con grans de cores. Agora a casula é feble, boa de sacar, e a espiga é longa e amarela, ¡quen a vira! Boas arreo, todas para a semente, a onde ían só as mellores, reservando os rabicos ou as podres para os animais.

Na leira quedan os monllos, pero ao mellor só deixan as pallas tiradas, listas para fresar e mesturarse coa terra. As cabanas si que son historia, agás nalgunha aldea perdida ou nun restaurante da Lagoa. O millo segue durmindo ateigado nos tres terzos dos cabazos. Algúns, como os da Bugalleira ou de Cores, dos máis altos de Galicia. Para que non lle cheguen os ratos.

Onte pola tarde, no Ceán, en Bamiro, unha familia esfollaba e facía historia, se ben eles non o sabían. Só traballaban, como toda a vida, dando grazas por este tempo, e pedindo que non chovese. A auga amola moito.


Comentar