As rúas de Carballo acollerán este domingo unha nova edición do Día da Bicicleta, unha iniciativa de La Voz de Galicia e Radio Voz que non sería posible sen a axuda dos patrocinadores, o Centro Comercial Bergantiños-Haley e a Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama). Precisamente o presidente da compañía, Luis Lamas Novo, é moi afeccionado aos pedais, polo que anima a todos os carballeses a unirse á ruta cicloturística.
-Foi nomeado presidente de Sogama hai xusto un mes. ¿Como se amoldou ao posto?
-De momento aínda estou facéndome unha visión de conxunto do que é Sogama, coas súas múltiples problemáticas. Á xente quero darlle unha mensaxe de tranquilidade, porque as cousas farense da mellor forma posible e os residuos de Galicia terán o mellor destino posible. Trataremos, en todo o eido medioambiental, de concienciar á xente, fundamentalmente aos nosos cativos, da importancia, sobre todo, da redución na xeración de residuos.
-Os nenos xogan un papel fundamental no traballo de Sogama.
-É moi evidente o cambio que se está a producir na sociedade. Antes eran os avós os que que levaban a iniciativa e marcaban o exemplo. Hoxe é xustamente ao revés e son os nenos os que nos marcan a todos as pautas de comportamento. Por iso, se somos quen de educar e concienciar aos cativos en cuestións medioambientais o traballo verase incrementado exponencialmente, porque os pequenos serán os que chamen a atención aos avós e aos pais. Serán eles os que nos chamen a atención se usamos excesivamente o coche, se abusamos das bolsas de plástico ou se deixamos as luces prendidas. Por iso Sogama xa leva moito tempo con este tipo de campañas destinadas á poboación infantil e imos afondar nelas.
-O Día da Bicicleta tamén é parte dese labor de concienciación ambiental.
-Evidentemente, as cousas non cambian dun día para outro, nin no eido medioambiental nin en ningunha outra cuestión. Por iso é fundamental empezar a traballar cos cativos e cos xa non tan cativos. A educación neste ámbito é fundamental.
-¿Que lle diría aos veciños para que se animen a participar nesta cita?
-Eu, que son un gran afeccionado á bicicleta, diríalles que o motivo fundamental é medioambiental. Ás veces un pensa que a bicicleta é só, como di a película, para o verán. Pero eu penso que non, que a podemos usar para desprazamentos curtos. Temos a gran sorte de que as nosas vilas son pequenas e permiten o emprego da bicicleta moitos meses ao ano. Cando chove moito ou hai xeada é máis complicado, pero a maior parte do ano é moi agradable facer os pequenos desprazamentos en bicicleta. Todos temos o vicio de usar o coche para movernos cen metros e a xente non é consciente da problemática medioambiental que iso causa. Por non falar do alto custe económico que ese comportamento ten.
-As bicicletas tamén están moi presentes en Sogama.
-Na entrada temos unhas cantas para que todos os empregados que o desexen fagan uso delas. Tamén temos dous vehículos híbridos para os desprazamentos máis longos. O noso obxectivo é que as emisións de CO2 sexan o máis pequenas posible, porque ese é o gran problema. Hai que ter en conta que a cuarta parte das emisións totais de CO2 que se producen ao cabo do ano veñen motivadas polo transporte por estrada.
-Como ciclista afeccionado, ¿como ve a situación do tráfico?
-Cando era máis novo tiña menos medo. Ía pola estrada e non me preocupaban nada os coches, pero agora o gran temor que teño son os vehículos. Hai moitos condutores que pasan moi preto dos ciclistas e iso é moi perigoso. Os ciclistas tamén temos que concienciarnos de que non podemos ir pola estrada de calquera maneira. A educación e o respecto mutuo é moi importante.?