La Voz de Galicia

As pensións

Carballo

VICENTE DE LEMA

ARA SOLIS | O |

02 Feb 2005. Actualizado a las 06:00 h.

A SUBA das pensións é unha das cuestións que máis preocupan a moitos dos habitantes da nosa bisbarra. Xa todos sabemos que a poboación da Costa da Morte está moi envellecida, pois os mozos marchan para Canariñas ou outros lugares onde podan gañar pronto para un auto. A xente nova non quere ou non pode ter fillos, suponse que por falta de empregos estables e ingresos insuficientes e non por outras causas. O caso é que o fluxo dos cartos que cobra a nosa terceira idade é imprescindible para manter o movemento económico na comarca. Hai uns anos, as pagas quedaban case todas nas contas bancarias, pero actualmente non é así. As xentes da terceira idade tamén saben o que é gastar un euro. Agora, non todas estas persoas quedan sempre na casa, coas únicas excepcións dos enterros e dos funerais. Hainos que se apuntan a todas as viaxes do Imserso e aos balnearios. Ano tras ano emprenden o voo cara o Mediterráneo. Cando non é Mallorca é Marbella e, senón, Ibiza. E bo é. Moitos deles xa van bos de traballar e de castigar o corpo con moita suor e outra tanta fame. Os anos que seguiron á guerra foron moi duros. Había que zurrar duro e comer moi pouco. Nos tempos que corren, é distinto. Nas viaxes descansan, visitan lugares turísticos, pasean, toman o sol e bailan, que é unha das cousas que máis lles gustan. Nestas festas, como pasaba cando eran mozos, xurden amoríos. E non faltan ciumes. Contabame aínda hai pouco un vello que el ata os 80 anos non tiña problemas de ningún tipo. Era quen de dar a talla, e sen necesidade do viagra. Coñecín a outro que xa andaba tamén polos oitenta e que facía escapadiñas ata Coruña para verse cunha viúva. Tiñan que andar as agachadas, pero el viase tan feliz coma de vinte anos.


Comentar