La Voz de Galicia

Facendo de paparazzi

Carballo

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

RADIOGRAFÍAS | O |

19 Feb 2004. Actualizado a las 06:00 h.

O DOMINGO fun ao cine a Carballo. Tiña ganas de ver Mistic River e non me defraudou nin a película nin as instalacións. Despois de ver o filme decidimos ir cear a un restaurante da vila que me recomendara hai algunhas semanas unha amiga. Mentres agardabamos a que chegara a comida, fixeime nunha mesa próxima á nosa. Estaban tres rapaces e outras tantas rapazas que non chegaban aos vinte anos. Os seis rían con esa frescura e candidez dos que aínda lle poden dar un corte de mangas aos luns. Primeiro imaxinei que eran tres parellas pero logo pensei que non. Comenteillo á miña acompañante e ela riuse: «¡Mira que lle botas imaxinación!» e como viu que non lles sacaba ollo, nin orella, espetoume: «¿Non os meterás nunha columna?». Por un momento fíxome sentir coma un perverso laretas ou un lercho preocupado con frivolizar sobre cuestións mundanas. Pois era nese momento, no que eu lle contaba á miña compañeira a teoría sobre as técnicas de ligoteo que usaban aqueles tres rapaces e actuaba de despiadado xornalista do corazón cando me notei observado por unha parella da mesa do lado. ¿A saber o que estarían pensando de nós? Non o sei. O pensar é libre e non ten cancelas. Mellor así, para todos.


Comentar