La Voz de Galicia

O currículo de rúa

Carballo

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

RADIOGRAFÍAS | O |

21 Oct 2003. Actualizado a las 07:00 h.

O DOMINGO estaba a cear cuns amigos. A compaña era grata, non faltaban as anécdotas e os risos entre ración e ración. De súpeto apareceu unha sombra mesta, alguén falou do traballo e a un dos compañeiros cambioulle a cara por completo. -Estou desesperado, busco e busco e non atopo nada. Relatounos os últimos meses de peregrinaxe continuo por empresas de traballo temporal, entrega masiva de currículos e entrevistas estériles, «ás veces penso que non valeu de nada todo o que fixen e noto como o tempo corre á contra». Atrás quedaran anos de estudio, un diploma universitario, uns bos coñecementos de informática, un ciclo superior de formación profesional e un alto nivel de inglés. Despois de repasar o seu currículo dixo amargamente que quizais lle faltase a mellor carta de presentación: unha axudiña, unha cuña, un trifásico, unha man, un tío político subsecretario ou como demo se lle chame. Dígolles que no peito sentín un formigueo; coñézoo ben e sei que non é dos que se queixa facilmente: é por norma unha persoa optimista. Pois resulta que ó día seguinte aínda recordaba as súas palabras cando oín o ring-ring do móbil e vin o seu nome na pantalla. Escoitei a súa voz ó outro lado da liña, «ei neno, empezo a traballar o día 3 de novembro. Colléronme na entrevista que che dixen onte. Vaite preparando que hai festa esta fin de semana». Deille parabens como se lle acabaran de tocar seis na primitiva e botamos unhas boas risotadas vía satélite. Todos sabemos o fría que é a ringleira da oficiña do Inem ou a soidade de camiñar sen norte polas rúas, cos currículos debaixo do brazo. ¿Saberá o ministro canta amargura se agocha tras cada estatística do paro?


Comentar