Crónica dun extra
Carballo
RADIOGRAFÍAS | O |
05 Jun 2003. Actualizado a las 07:00 h.
ESTRENOUSE EN Carballo a película O lapis do carpinteiro, onde o vigués Antón Reixa supera cun aprobado ben alto a súa primeira incursión como director de cinema. Paréceme que o feito de que na vila haxa un sitio para esta longametraxe galega é un bo síntoma. Semella ar fresco entre tantas superproduccións americanas, cheas de efectos especiais e millóns de euros en custes que non necesariamente teñen porque significar mellor calidade. Poida que na valoración desta película sexa unha miga subxectivo, porque dalgunha maneira formo parte dela. Explícome. A historia comezou cando me presentei a un cásting para extras no Coliseum da Coruña. De alí ó estrelato cando me comunican que estou seleccionado. Foron dous días (coas súas noites) no campo da Torre de Hércules facendo de militar franquista (tal e como o oen). Machiño a interpretación é a interpretación, e un é un profesional. Alí estaba eu con Luís Tosar, Tristán Ulloa, Nancho Novo e un bocata de mortadela. Paseino ben, para que o vou negar, vestido de verde oliva, co meu máuser e as botas militares lustradas. Falando cos outros extras do divino e o humano, sabendo que era improbable que nos caera algún Goya. Había xente para todo e, ó fin e ó cabo, era unha boa oportunidade para ver como se fai unha película, comendo de gorra e levando uns euriños para mercar tres ou catro libros. Non se pode pedir máis. Pois o caso é que nin sequera me vin na película. E xúrolles que escrutei cada fotograma minuciosamente. A miña compañeira, que é moi observadora, asegura que se me ven as orellas nunha secuencia. ¡Vaia por Deus, que pouco poético¡. Así non se pode competir cos de Jolivú.