«O libro é un vehículo idóneo para crear cidadáns libres»
Carballo
22 Aug 2002. Actualizado a las 07:00 h.
O poeta e editor lucense Miguel Anxo Fernán-Vello paseou onte a súa imaxe enigmática e o seu ollar comprometido polo xardín municipal de Carballo. Despois de ler o pregón e inaugurar oficialmente a Feira do Libro, visitou as casetas e felicitou ós libreiros polo seu traballo. -¿Son as feiras a mellor forma de fomentar a lectura? -As feiras son un instrumento máis da normalización do feito cultural que constitúe o libro. Pero na miña opinión hai que levar a cabo accións e unha planificación racional que permita que o libro teña a máxima difusión. As bibliotecas, o ensino e a iniciación á lectura son fundamentales, sobretodo nas primeiras idades, para que os nenos se familiaricen coa presencia da lectura. Porque o que todos pretendemos, por riba de calquera ideoloxía, é crear cidadáns libres e cultos. E o libro é un dos vehículos máis idóneos para conseguilo. -¿Que lle parece que se realce a figura dos escritores de Bergantiños? -O feito de centrarnos na cultura da bisbarra é moi interesante porque o primeiro que hai que facer é coñecer o noso entorno. Carballo viu medrar artistas da talla de Manuel Facal, Xan Fraga, e por suposto, Alfredo Brañas. Por iso, eu creo que é fundamental que coñezamos e nos identifiquemos co noso entorno, para, a partir de aí, establecer un diálogo universal, con calquera estética, escritor, e incluso por riba das linguas. -¿Está en crise o sector editorial galego? -Desgraciadamente si. Existe unha crise económica e xeral na sociedade e o libro vese perxudicado directamente, porque aínda que sexa de máximo interese para as persoas, non é un producto de primeira necesidade. Os autores e editores estamos polo labor de abrir un gran espacio de debate para buscar vías de solución. Porque esta crise interna é moi grave para o idioma, os intereses culturais e o futuro de Galicia.