La Voz de Galicia

«A maior carencia é a soidade»

Carballo

ELENA SILVEIRA A ENTREVISTA Emilio Calvo Pan, presidente de Cáritas de Buño, Leiloio e Cambre

21 Aug 2000. Actualizado a las 07:00 h.

A comezos do verán formouse en Malpica unha asamblea de Cáritas na que se agrupaban tres parroquias: Buño, Cambre e Leiloio. O seu presidente, Emilio Calvo Pan, asegura que as portas da agrupación están abertas a todo o mundo. _¿Cantos voluntarios ten xa Cáritas? _A próxima semana daremos os carnés que estamos confeccionando e aínda está aberto o libro de socios. É cedo para sabelo. _¿Xa fixeron algunha actividade? _O pasado 6 de agosto realizamos a primeira petición na igrexa. Acordamos facer as recoleccións o primeiro domingo de cada mes. Os que non poidan desprazarse as igrexas tamén poden facer os seus donativos na conta corrente número 8040003456, aberta en Caixa Galicia. Senón tamén poden entregar as esmolas directamente ós membros da directiva. As vicepresidentas de cada parroquia son María Dolores Pombo Casal, Purificación Varela Novo e Mari Carmen Collazo Blanco. _¿Que teñen previsto comezar co novo curso? _Hoxe mesmo temos unha entrevista cos representantes municipais para ultimar os detalles de dous cursos. Un deles será unha escola de adultos, con clases de alfabetización, de cociña e manualidades e charlas médicas. Haberá outro para aprender a manexar máquinas de coser industriais. _¿Por que xurdiu a necesidade de Cáritas nestas parroquias? _Aquí non hai pobres de solemnidade. A xente ten os medios elementais para sobrevivir, pero existen outras carencias, a máis importante é a soidade. Quen a padecen son os maiores e a eles vai dirixido o noso traballo. Outro colectivo ó que queremos chegar son os nenos, porque hai problemas sangrantes de desarraigo. Queremos aglutinar en Cáritas a xente que teña un sentimento de axuda ós demais. _¿Xa teñen local? _Queremos habilitar un local dentro do salón parroquial. Alí chegarán os resultados das campañas de recollida de roupa, medicamentos ou comida que fagamos.


Comentar