La Voz de Galicia

Ánxela Ríos: Do marisqueo de Noia ao espectáculo

Noia

Carmen Fernández Ribeira / La voz Actriz

«Traballar no mar tamén é creativo porque che obriga a improvisar como no teatro»

11 Dec 2020. Actualizado a las 05:00 h.

Noia é unha vila na que conviven varios aspectos que poden parecer diferentes, pero ao final son unha sinal de identidade. O marisqueo e a cultura teñen Noia como nexo común, e unha das súas veciñas coñece de primeira man estes dous mundos. Ela é Ánxela Ríos Fernández, que estivo dúas campañas mariscando na ría e este 2020 foi recoñecida como a mellor actriz do festival Carballo Interplay. E que todo isto vén un pouco de familia. Seus pais tiveron varias orquestras durante anos, pero co paso do tempo e polas circunstancias da vida tiveron que deixar a un lado a súa paixón pola música para converterse en mariscadores.

Foi ese amor pola música e polas artes o primeiro que coñeceu xa que dende pequena era o que vía na casa. Comezou a estudar violín e a formarse en danza dende nova e a súa primeira experiencia sobre as táboas como actriz viviuna no instituto Virxe do Mar. Na súa cabeza estaba a posibilidade de dedicarse a iso de forma profesional nun futuro, pero tamén tiña a idea de estudar Veterinaria. «Chegou cuarto da ESO e elixín. Non me quería quedar en Noia e empecei a pensar que podía tirar polas artes», recorda Ríos.

Chegou o bacharelato e seguindo esta inercia comezou a estudar a especialidade de artes escénicas en Santiago que compaxinaba coa súa formación en danza, teatro e conservatorio. Foi na interpretación onde atopou un espazo no que podía xuntar todas as súas facetas. «Funme dando de conta nas clases de artes escénicas que impartía Chus Juanatei», expón. Púxose a investigar en Internet, atopou o teatro musical, fixo as maletas e puxo rumbo á Escuela Superior de Arte Dramático de Málaga no 2012, onde se formou en Interpretación Musical.

O cambio foi duro, pero puido adaptarse rápido. «Unha das cousas que che ensina a carreira é a saber o que non queres facer. Polas circunstancias da industria tes que adaptarte ao que suceda, pero si aprendes o tipo de ambientes e dinámicas que non queres xerar», conta Ríos. Houbo un momento da súa formación no que tivo que deixar Málaga para atoparse a si mesma. «Funme de Erasmus a Eslovaquia e foi unha boa decisión. Conectei moito co sitio, coa súa forma de facer teatro e iso axudoume a redescubrirme como actriz», sinala.

 Apoios no camiño

Á metade da súa formación, Ánxela Ríos veu como lle denegaban a bolsa coa que pagaba os seus estudos. «Busqueime a vida, estaba pluriempregada e no verán traballei nun bar en Noia. Pero o que realmente me axudou a poder continuar coa carreira foi a Fundación Otilia Millares», sostén. Chegou o 2017, graduouse e cambiou Málaga por Madrid, onde comezou a estudar no Estudio Corazza, pero a súa estadía só durou un ano.

«Economicamente non podía e o meu avó enfermou así que volvín para Noia. Fixen dous cursos de marisqueo en Portosín e Cartagena e comecei a traballar», explica Ríos. Para ela foi unha gran experiencia a través da cal puido conectar coa súa vila. «Mariscar tamén é algo creativo porque che obriga a improvisar, como no teatro», apunta. Aínda así non deixou a actuación de lado e no 2018 formou parte do elenco de Divinas palabras revolution, inspirada na obra de Ramón María del Valle-Inclán e realizada no Centro Dramático Galego.

Ese mesmo ano presentouse ás probas para a serie O sabor das margaridas, na que obtivo un papel. Xa no 2019 recibiu a chamada de Ricardo Araújo para formar parte da serie web Destapando Casares. A súa aparición neste proxecto veu acompañada dunha inesperada sorpresa para Ánxela: foi recoñecida como mellor actriz no festival Carballo Interplay. «Ata que o publicaron en redes sociais non mo crin. E foi nun momento clave para min», comenta a noiesa.

Estes impulsos, sumados á súa experiencia como axudante de dirección escénica no festival Cibra de Toledo, axudaron a Ríos a retomar a súa formación, polo que volveu a Madrid e realizou o máster de Artes Escénicas na Complutense. Agora, aos seus 26 anos, pasa por un momento no que está centrada na súa faceta de actriz. «Quero recuperar o entorno no que son especialista, o musical, e centrarme en todos os focos, non só no audiovisual», sentencia.


Comentar