La Voz de Galicia

Manuela Oviedo: «É imprescindible a mellora dos servizos sociais para favorecer a conciliación»

Barbanza

m. x. blanco ribeira / la voz

Expón que as mulleres da zona desenvolven unha dobre xornada, na casa e no traballo

15 Dec 2018. Actualizado a las 05:00 h.

O reto da incorporación laboral das mulleres será o eixo do Foro Voz que o mércores terá lugar en Corcubión. Manuela Oviedo, a xerente do GALP4 Seo de Fisterra, Ría de Muros-Noia será unha das relatoras. Adianta que, aínda que se empezou a percorrer o camiño, queda aínda moito por facer.

-¿Pensa que teñen máis dificultades para acceder ao mundo laboral as mulleres que residen no litoral?

-As zonas de litoral teñen maior potencialidade de cara a afluencia turística, polo que xeran unha maior oferta de traballo, pero este feito non implica que as dificultades para acceder ao mercado laboral sexan menores. A nosa franxa costeira está marcada por unha estrutura familiar na que a muller debe desempeñar unha dobre xornada na súa casa e no posto de traballo e esta estrutura está fortemente arraigada nos municipios altamente dependentes da pesca. Isto implica ademais unha falla de tempo de ocio que moitas veces lles impide ter as relación sociais necesarias para desenvolverse e activarse.

-¿Que accións se levaron a cabo desde o GALP4 para coñecer a situación real?

-O primeiro que se fixo foi unha diagnose do territorio, que se realizou para determinar as liñas de actuación do noso programa, onde xa quedaban claras debilidades como a diferenza salarial entre homes e mulleres, a ausencia de contratos de calidade e a maior presenza feminina en empregos de menor cualificación e a tempo parcial ou temporais. Logo, o inicio do pacto local polo territorio costeiro sostible o pasado ano, que se traduciu na realización de mesas de traballo con expertos no ámbito da inclusión social, permitiunos coñecer a situación máis de cerca e poder propoñer actuacións que contribúan á mellora da mesma e a sensibilizar a poboación neste eido.

-¿Que liñas de actuación se puxeron en marcha para tratar de axudar ás mulleres a acceder ao mundo laboral?

-Pois a verdade é que son moitas as actuacións que está desenvolvendo o grupo para facilitar o empoderamento da muller tanto no sector pesqueiro como en todo o seu ámbito territorial. Un eixo importante son os propios criterios de valoración que se aplican para a concesión de axudas, sendo primados os proxectos emprendidos por mulleres ou que contraten a traballadoras, e con máis prima se ademais estas son do sector pesqueiro. A idea é sensibilizar aos distintos promotores para que introduzan aspectos de responsabilidade social corporativa nos seus proxectos, ofertándolle unha guía de directrices nas que se atopan distintas medidas que contribúen a conseguir esta meta, como establecer plans de igualdade nas súas empresas, favorecer o teletraballo ou establecer horarios que permitan a conciliación da vida familiar e laboral.

-Tamén se traballou no fortalecemento do tecido asociativo...

-Si, o GALP favoreceu o nacemento dunha asociación de mulleres do sector pesqueiro no territorio co ánimo de impulsar o seu empoderamento no propio sector. Neste mes, por exemplo, estamos impartindo un curso de competencias dixitais para as mulleres desta asociación e estamos logrando que 17 mariscadoras reciban a formación necesaria para desenvolverse con autonomía en aspectos relacionados co seu traballo e o seu día a día, como saber que é o certificado dixital e como asinalo, manexo do correo electrónico, banca electrónica…

-¿Por onde pensa que deben ir as liñas de actuación no futuro?

-Penso que aínda queda moito camiño por andar, sobre todo na sensibilización da poboación, con accións nas que realmente se traballe no empoderamento da muller. É imprescindible a mellora dos servizos sociais para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral, tanto na atención de nenos como de maiores.

-¿Ve no emprendemento a mellor das solucións para o desemprego feminino?

-Mentres non se consigan melloras no establecemento de horarios que permitan unha mellor conciliación da vida familiar e laboral ou se fomente o acceso a novas formas de traballo, penso que si, pero o problema radica en que a iniciativa empresarial no noso territorio é moi escasa.


Comentar