La Voz de Galicia

Por non pagar

Barbanza

Ambrosio Casenada

11 Mar 2011. Actualizado a las 06:00 h.

Hai que ver as voltas que un pode dar por non pagar os impostos do Concello. O Xan, que só foi barbeiro, con negocio ao pé da casa onde vive, apenas usara o coche se non fose para viaxar polas estradas de España. E ademais, non entende a democracia. Pensa que «para moitos é inxusta, o mesmo que para poucos desgraza». ¿Como explicar esta máxima de Xan?.

O Xan quedou eivado hai dous anos, ao caer desde unha escaleira no intento de amañar o letreiro avariado do negocio que lucía na fachada. Non foi por non chamar a ninguén que llo arranxara, senón porque ben sabía, sen que fose electricista, da causa que os amolaba, ao letreiro e mais a Xan. Era el home bastante para subirse a unha escaleira. O caso foi que caeu. Caeu de costas, con afección na columna e quedou paralítico das pernas. Agora, naturalmente, o Xan soamente é pensionista, porque está incapacitado.

Antes xa estivera moi liado co Concello, pois saíralle da gana de non pagar o imposto de circulación. Pensaba que, se o del era viaxar polas estradas de fóra, non tiña por que pagar na súa localidade, sendo a paga diferente en cada unha de Barbanza. E nisto no seu concello pasábanse. Non lle valeu de nada. O Concello foille á conta e non quedou sen pitanza. O que hoxe non comprende é que non teña que pagar. E o certo é que non sae dos camiños do concello. O Xan nunca tanto se movera en coche propio sen ter que pagar un can. E de aquí ven o que pensa: se o deber era abusivo, o dereito é unha desgraza.


Comentar