La Voz de Galicia

«Exercemos unha oposición responsable, pero chocamos contra un goberno que o que fixo foi paralizalo todo»

Barbanza

14 Jan 2011. Actualizado a las 02:00 h.

A nacionalista Dominga Brión, que nos últimos catro anos capitaneou un equipo de seis concelleiros, soe ter rifirrafes importantes co executivo durante as sesións plenarias. De verbo afiado, non se morde a lingua e cualifica a xestión de Torres e os seus compañeiros de «penosa, totalmente lamentable».

-O PP leva gobernando en Ribeira moito tempo, diga como o viu nos últimos anos.

-Tocaron fondo. Non foron capaces de afrontar os retos que Ribeira necesita; non foron quen de darlle o pulo necesario a este municipio e á súa xente. Estamos quedando atrás, levamos moito tempo perdido e se nos comparamos con outros concellos, non quedamos ben.

-Concrete o que se fixo mal no último mandato.

-Para empezar, hai que falar da depuración. Non se fixo a depuradora, houbo cheiros e vertidos continuos e o goberno mirou para outro lado. Logo, nun momento de crise tan importante, non se apoiou o emprego. Basta dicir que non se impulsou o macropolígono, unha obra que cando a Xunta bipartita estaba no poder era prioritaria. Tampouco se apoiou ao comercio ou á hostalería. A xente marcha fóra de Ribeira para pasar o seu tempo de ocio, e ao goberno parece que lle dá igual.

-¿Que máis botou en falta?

-Teño que citar o que ocorreu coa lonxa. Non se loitou por ela, e segue pendente. Non se apoia a un sector primordial para a nosa economía. Tamén hai que falar da circunvalación, que segue sen aparecer por ningunha parte e de que non hai oferta para os mozos. Fixeron unha casa da xuventude, inaugurárona hai un ano e seguen sen ser capaces de darlle contido. E o mesmo pasa coa casa de doña Adela, que segue sen abrirse, nun permanente stand by.

-Entón, se lle pregunto polo peor do mandato, ¿citaría algunha das infraestruturas das que acaba de falar?

-Citaría esas e engadiría outras, como o mercado municipal. Presentáronnos no seu día un proxecto virtual e iso segue sendo agora, algo virtual, porque a obra non se fixo. Non podemos seguir así. Non se pode perder máis tempo, porque nos adiantan e imos quedando atrás.

-¿Cal é a receita do seu partido para que iso non ocorra, para que Ribeira teña un futuro prometedor?

-Nós comprometémonos a non deixar pasar máis tempo en balde, a actuar de xeito inmediato. Xa o intentamos mesmo estando fóra do goberno, exercemos unha oposición responsable, pero chocamos contra un goberno que o que fixo foi paralizalo todo. Nós cremos que as vindeiras eleccións teñen que ser o gran momento de Ribeira, a liña de partida para afrontar todos eses retos dos que estiven falando e que están pendentes. Non se pode permitir que o muro da maioría absoluta do PP siga parándoo todo.


Comentar