A asociación Terra de Outes realiza unha mostra con imaxes antigas de xentes, costumes e lugares do Concello
04 Nov 2010. Actualizado a las 02:00 h.
Cando a mente falla, cando pode o esquecemento, a fotografía é unha boa maneira de rescatar a memoria. Niso pensaron desde a asociación cultural Terra de Outes, que acaba de inaugurar unha exposición de fotos antigas sobre a historia, as xentes, as festas, os costumes, os traballos e os lugares do concello. Trátase dunhas oitenta imaxes que percorren un tramo da historia local, desde os anos dez ata os cincuenta.
«Consiste nun mosaico moi amplo da vida social de Outes, pois inclúense instantáneas de celebracións, de escolares, de bebés e incluso hai mortos», explica Xoán Mariño, presidente da asociación. O espectador pode atopar un abano moi amplo. Hai unha foto dun carro de vacas, unha estampa case imposible de ver hoxe en día. Tamén hai outra imaxe da antiga entrada na Serra de Outes, unha rúa cunha rea de olmos aos lados unidos pola parte alta. Outro dos tesouros que garda esta mostra é a foto dun tradicional barco de vela: «É un Sancosmeiro, porque saía de San Cosme, transportando, entre outras cousas, os sombreiros que logo recibiron o mesmo nome deste barco», engadiu o presidente da asociación.