La Voz de Galicia

Evolución

Barbanza

JOSÉ RODRÍGUEZ CABEZA

DENDE FÓRA | O |

03 Sep 2004. Actualizado a las 07:00 h.

DARWIN AMOSOUNOS que a evolución biolóxica é un proceso natural de perfeccionamento das especies e que, cando se racha a cadea, prodúcense desastrosos retrocesos. O que poderíamos chamar evolución positiva (a que instintivamente realizan todos os seres vivos da natureza) ou negativa (na que interveñen irracionalmente moitos homo sapiens de hoxe en día). Se os nosos ancestros viran como producimos, intensivamente, leite, carne, verduras, froitas, peixes, e demais etcéteras, arredándonos da lóxica ecolóxica que eles tiñan, dirían que o mundo está tolo, e con razón. Sen embargo, providencialmente, aínda xorden persoas con sentidiño, como é o caso dos comuneiros de Boiro, que pretenden construir unha central de biomasa para queimar, baixo control, os batumes de toxos, fietos e queiroas, que son a causa dos lumes no monte. De levarse a cabo a idea, pode que tamén se aproveite para facer estercos biolóxicos e levar aos mercados productos de calidade, ou gas metano, agora que o petróleo xa se está esgotando. Hai que ter en conta que a modernidade non está rifada coa lóxica evolutiva. Por exemplo, que os pósitos de Lira e Porto do Son vendan a través de Internet é outro afortunado xeito de aproveitarse dos adiantos tecnolóxicos. O mundo ten arranxo. Somentes fai falla que os nosos gobernantes baixen do trono, poñéndose a nivel da realidade.


Comentar