Ribeira cumpre hoxe oito séculos
Barbanza
O documento máis antigo coñecido no que aparece a actual parroquia de Santa Uxía, está datado no 12 de setembro do ano 1200 É crenza xeneralizada que Ribeira é unha vila de recentes orixes e que a súa antiguidade non pasa duns poucos séculos. Contribúe a isto o feito de que a localidade sufriu un cambio radical na súa estructura urbana nos últimos trinta anos, que, por desgracia, fixo que a penas conserve edificios de certa raíz histórica no seu casco e queden soamente como exemplo os dous pazos, o do Pombal e o de Goyanes, agás, claro, a igrexa parroquial inaugurada o 20 de novembro de 1864. Ese cambio urbano fixo que a Ribeira de finais do século vinte nada teña que ver coa Cidade Branca da Ría de Arousa, nome con que era coñecida nos anos cincuenta e sesenta, e que lle valeron en 1959 o Premio Nacional de Embellecimiento de Pueblos.
11 Sep 2000. Actualizado a las 07:00 h.
Sen embargo, esta crenza contrasta coas bases documentais existentes nos arquivos históricos, que amosan que Santa Uxía aparece xa citada a finais do século XII, concretamente no Tumbo de Toxosoutos. A particularidade deste escrito, datado o 12 de setembro de 1200, é o nome que se refire á vila, e que naquela época se denominaba Sancte Eugenie de Carraria, tal como aparece reflectido nun documento do Arquivo Histórico Nacional. Os especialistas consultados opinan que os núcleos orixinarios da que hoxe é Ribeira estaban nos Deáns, e que o centro máis importante de poboación da comarca era a hoxe parroquia de Carreira, o que confirmaría a tese de que Santa Uxía era un anexo desa freguesía. Así, hai constancia dun documento datado o 30 de setembro de 1182 da era hispánica, que corresponde ó testamento dun veciño chamado Fernando Fernández, feito cando marcha á Terra de Campos, e que ratifica esta teoría. Novo asentamento A zona costeira, o que hoxe é Ribeira, permanecía máis ou menos despoboada, xa que as continuas incursións de piratas e sarracenos non permitían o asentamento estable dunha poboación continuamente minguada polas incursións de saqueo. Sen embargo nos mesmos documentos fálase dunha Vila Nova, referida seguramente a un novo asentamento preto da zona de Deán e de moi recente formación, probablemente a hoxe Ribeira. A medida que mellora a seguridade nas augas da ría, a poboación tende a emigrar cara á costa, e con ela desprazase tamén a advocación relixiosa que pasaría para a zona de Bandourrio, creándose a parroquia de Santa Uxía. Loxicamente estamos falando de meras especulacións interpretativas dos especialistas, porque o máis lóxico é que a denominación de Santa Uxía de Carreira non sexa, como comentamos anteriormente, máis cá referencia a un dos lugares máis importantes da zona costeira nesa época, e Santa Uxía un anexo de Carreira.