La Voz de Galicia

A Xunta mantén ata final de mes as visitas en caiac a Cortegada

Arousa

vilagarcía / la voz

Desde xuño foron 400 as persoas que usaron este servizo con guía para gozar da illa vilagarciá do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas

18 Sep 2023. Actualizado a las 09:31 h.

A Xunta abriu en xuño unha oferta para poder coñecer o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas en visitas en caiac. A proposta, que xa suma arredor de 2.000 participantes, 400 deles á illa vilagarciá de Cortegada, estenderáse ata finais do presente mes, segundo informou onte a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Desde a administración autonómica saliéntase a ampla presenza de visitantes estranxeiros de Europa, de América e de Asia. A proposta en caiac permite descubrir a riqueza natural do parque nacional dun xeito diferente, ao tempo que as autoridades aproveitan para realizar un labor educativo, formativo e de sensibilización ambiental entre os turistas da man dos guías especializados que os acompañan. Deles coñecen os detalles dos fondos mariños e a súa importancia, tamén a fraxilidade destes ecosistemas e o seu valor central para a saúde dos océanos, o que converte o uso do caiac nun sistema perfecto polo seu impacto neutro sobre a contorna.

 

Observación única das algas

A última vantaxe do emprego do caiac como vehículo para a observación do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas é, explican desde a Xunta, a facilidade que reporta o seu uso á hora de ver as comunidades de bosques de algas pardas que, como o caso da Saccorhiza polyschides, conforman un hábitat vital para unha ampla variedade de seres vivos mariños.

 


Comentar