La Voz de Galicia

Vilagarcía dá novos pasos dentro do Pacto do Clima

Arousa

O Concello adxudica por 10.756 euros os traballos para redactar o plan que marcará a súa folla de ruta

20 Aug 2021. Actualizado a las 21:00 h.

O Concello de Vilagarcía vén de dar un novo paso no marco do Pacto Europeo dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía (PACES) ao que se adheriu o pasado mes de febreiro mediante acordo plenario. Para dar cumprimento a un dos primeiros compromisos adquiridos, o executivo local púxose mans á obra para elaborar o Plan Municipal de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible mediante a adxudicación dos traballos de redacción á firma Inovalabs Digital. Este documento marcará as estratexias e determinará as medidas a adoptar no termo municipal para adaptar as políticas e actuacións ás novas normativas europeas en materia de medio ambiente e para contribuír a acadar os obxectivos da Axenda 20/30.

A redacción do PACES: Estratexia Plus de Vilagarcía ten un custe de 10.756 euros (IVE incluído), que corre a conta da subvención financiada con fondos europeos e da dirección Consellería de Medio Ambiente. O documento terá como obxectivos identificar e avaliar os desafíos e prioridades climáticas e enerxéticas existentes no municipio, seguir e informar do progreso cara aos compromisos adquiridos, informar e respaldar aos responsables da toma de decisións, comunicar os resultados ao público en xeral, permitir la auto avaliación, facilitar o intercambio de experiencias con iguais e demostrar os logros locais ao órgano coordinador do Pacto. O plan elaborado deberá ser revisado polo Centro Común de Investigación da Comisión Europea.

Coa adhesión ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, Vilagarcía entrou a formar parte da lista de concellos europeos cuxos gobernos locais se comprometen voluntariamente a implantar os obxectivos establecidos pola UE en materia de coidado do clima e uso de enerxías sustentables ambientalmente. O PACES conta na actualidade en toda Europa con sete mil entidades locais adscritas. En Galicia están adheridos actualmente 237 concellos dos 313 existentes. «A adhesión ao PACES é unha mostra máis do firme compromiso do goberno local de Vilagarcía coas políticas ambientais e de coidado do clima. Este compromiso vense plasmando dende hai xa anos en accións concretas como todas as que contribúen a reducir os niveis de CO2», indica Ravella en referencia ás peonalización, o fomento do uso do transporte público colectivo con medidas como o VaiBus e o VaiBus+, a promoción do uso da bicicleta co VaiBike, a ampliación do carril bici no paseo marítimo e entre Ferrazo e Canelas e a execución en curso das ciclovías e o VaiaPé para incentivar á xente a desprazarse camiñando pola cidade», indican desde Ravella.


Comentar