La Voz de Galicia

Das subordinadas

Arousa

X.A. Ochoa

07 Aug 2011. Actualizado a las 06:00 h.

Ocomentario máis xeneralizado do meu xeito de escribir é que o lector pérdese e que resulta complicado seguir o fío. Como é lóxico non estou de acordo, faltaría mais, nin penso que a existencia, incluso o abuso, de oracións subordinadas nun relato tan breve sexa para tanto. Non me acae escribir doutro xeito porque tampouco a mecánica do pensar flúe de maneira distinta, coma se todo fose un siloxismo perpetuo e perfecto e viviramos no mundo da simpleza. O que vou a contar hoxe vai incrementar, que lle vou facer, a nómina dos que me len dúas ou tres liñas e foxen asustados e se o lector, que todo pode ser, é a primeira vez que oe nomear a Porviso, lamentable por certo, con máis razón aínda. Pois resulta que Porviso era amigo de Colón. De Colón, si, dese que, por agora, non sabemos se era trasunto de Pedro Madruga, nacido na Moureira pontevedresa ou non. A amizade viñéralle de diversas operacións de recrutamento ás que se presentara Porviso para poder andar de piloto cos homes; fora desa cando aprendera a usar o sextante, que a el, por certo, como tamén é obvio, non lle serviría para nada. Pódese facilmente adiviñar que foi Porviso quen advertiu ó Almirante da existencia de América e o que lle dixo que podía facer a viaxe ao novo continente indo por Islandia e Groenlandia, con frío, ou pola quenturiña dos alisios e con vento de popa naquelas lentísimas carabelas. Porviso optaba pola ruta do Norte, mais que nada para que se saíse e se chegase ao Castriño que así tería que se converter no primeiro porto de Europa, que condicións non lle faltaban. Pero Colón non aturaba o frío e alá se foi para zarpar dende Andalucía. Como desconfiaba de que Porviso o enganaba, porque non lle parecía posible que en tanta historia da navegación non se cruzase aínda o mar, esixiulle que embarcase con el pero, claro, Porviso non tiña moito interese en botar varios meses case aboiado, así que decidiu ir pero non ir. Ou sexa: el non foi, pero embarcou en substancia de si mesmo. Tampouco é tan complicado de entender; a ver: Porviso fixo en substancia de Xulio César a Guerra das Galias, ou sexa, foi el e non César. Vale. Pois o mesmo ocorreu desta: Foi con Colón a América en substancia de si mesmo, e, por iso, non foi el. Penso que queda claro; e se non, non será cousa das subordinadas.


Comentar