La Voz de Galicia

O mellor musical galego

Arousa

Serxio González

«Glass City», un dos espectáculos máis completos da escena actual en Galicia, chega esta noite a Vilagarcía

20 Nov 2009. Actualizado a las 02:00 h.

A Coruña, 1958. O ditador Francisco Franco visita A Coruña como cada verán. Con el chegan unha morea de ministros, aduladores e altos cargos do Goberno, convertendo a cidade galega nunha corte pacega de tempada. Consellos de ministros, recepcións, inauguracións e festexos enchían os días. Pero tamén as partidas de cartas nas que os membros da escolta de Franco eran desplumados polos espelidos coruñeses, que agardaban a chegada dos madrileños con grande expectación. Todo, na Cidade de Cristal, Glass City , como bautizaron os ingleses á urbe polo efecto das súas famosas galerías ao mar.

Este é o contexto no que se desenvolve a obra que esta noite, a partir das nove, acolle o auditorio de Vilagarcía. Glass City constitúe, con seguridade, o máis completo espectáculo que hoxe pode contemplarse na escena galega. Trátase dun verdadeiro musical, con orquestración e cancións en directo. Para conseguilo, explica Eduardo Alonso, «foi precisa a chegada dunha xeración de actores moi preparados tecnicamente, capaces de cantar e bailar». Esa xeración está aquí, mesturando veteranía e xuventude nun elenco de catorce persoas encargadas de desenvolver a historia sobre o escenario.

O musical vén precedido dunha exitosa xira, que agora chega á súa última andaina en Galicia, antes de saír, no primeiro semestre do vindeiro ano, a percorrer España nunha versión en castelán. O teatro Jofre cheo durante tres xornadas ou dúas semanas no Salón Teatro de Santiago son referencias abondo neste senso. Para facilitar o acceso do público vilagarcián á obra, o concelleiro de Cultura, Xosé Castro Ratón, defendeu onte uns prezos absolutamente asequibles: 8, 6 e 4 3 euros en función da zona das butacas que se escolla. As entradas poden mercarse esta tarde en taquilla a partir das 19 horas.

Luma Gómez participou tamén na presentación de Glass City . Sobranceira actriz, dá vida a un personaxe de peso: a mesmísima Carmen Polo, esposa de Franco, feliz habitante estival do pazo de Meirás. Ademais de subliñar a importancia de pescudar nunha década, a dos anos 50, moito máis descoñecida cós duros 40 ou o espertar dos 60, Gómez destacou a calidade da montaxe e das composicións de Bernardo Martínez.

Todo un luxo, en fin, perfectamente ambientado dende o punto de vista musical, que mesmo recolle a chegada do rock a estes lares nun ano no que EE. UU. inicia a carreira especial, Fidel Castro declara a súa intención de tomar o poder en Cuba e se desenvolve a encuberta Guerra entre España e Marrocos. E hoxe é 20-N...


Comentar