Letras, cuplé e tertulias
Arousa
Vilagarcía viviu, en torno a 1910, unha sorte de voráxine cultural. Mesmo foi escenario do rapto dunha cupletista
01 Nov 2008. Actualizado a las 02:00 h.
«Pues una cosa como Vilagarcía, pero un poco mayor». Así di a lenda que respostou Valle-Inclán ao interese dun seu contertulio sobre Bos Aires de volta da súa viaxe de 1910. Daquela, o café de Poyán era escenario de célebres encontros entre don Ramón, Victoriano García Martí, que chegaba en motora dende A Pobra do Caramiñal, Urioste, un dos grandes animadores do panorama cultural vilagarcián, o mesmo Julio Camba ou o diplomático Casulleras quen, segundo Álvaro Ruibal escribía moitos anos despois en La Vanguardia Española , «relataba el combate nulo entre el ídolo local, Pantera de Orosa [?], y el León de Pumarín, campeón asturiano del peso pesado».
Un daqueles homes de peso que se deixaba caer pola capital arousá era o escritor, crítico literario, xornalista e diplomático guatemalteco Enrique Gómez Carrillo (Cidade de Guatemala, 1873-París, 1927). Gómez Carrillo foi grande namorado de Vilagarcía, e mesmo chegou a ser nomeado fillo honorífico da vila. Queda constancia dun periplo pola ría de Arousa en 1915 en compaña de Homobono González, Alfonso Vicenti, director do Liberal, xornal do que Gómez Carrillo era cronista, e Manuel Brocas, secretario do conde de Romanones.
O Correo de Galicia , publicación editada pola comunidade galega en Bos Aires, reproduce en 1914 un saúdo manuscrito do autor: «Al saludar a los gallegos, aquí como en España, saludo a mis paisanos. En Buenos Aires, en efecto, lo mismo que en Vilagarcía, yo soy con orgullo gallego de corazón. Soy un gallego de América».
Misterio no Variedades
Era Vilagarcía, tamén, lugar de cuplés. E por veces de serie negra. Velaí a crónica publicada en agosto de 1911 en El Eco de Galicia. Non ten desperdicio: «En la madrugada del día 26, del salón de Variedades de Vilagarcía, una cupletista que iba acompañada de su familia, se abalanzaron a ella dos individuos, y a viva fuerza la trasladaron a un automóvil cercano. El vehículo partió inmediatamente a toda marcha por la carretera de Pontevedra. El gobernador civil, señor Boente, tomó cartas en el asunto. Hasta ahora solo se sabe que el auto tiene el número 136 y que es de matrícula de Oporto. La raptada, que es joven y guapa, hallábase trabajando en el salón Variedades en unión de una hermana suya. Ambas son conocidas por Las Orientales».
Do misterioso caso pouco máis se soubo. Mais, no tocante ao mundo artístico, non sería xusto esquecer que Gómez Carrillo estivo casado con Raquel Meller, estrela dos escenarios que seduciu ao público francés e norteamericano. O grande escritor e filósofo anarquista Aldous Huxley, autor de Un mundo feliz , afirmaba non ter visto figura semellante. Eisenhower escribiulle ao seu domicilio, en Barcelona, lembrándolle unha súa actuación en Nova York. E disque o propio Chaplin lle ofreceu papel protagonista en Luces da cidade . Tamén ela tivo o seu pequeno vencello con Vilagarcía.