Xoán Neira presentou «Gaiola aberta» cunha homenaxe a Manuel Rodríguez
A Mariña
14 Nov 2018. Actualizado a las 21:50 h.
Na tarde do mércores o salón multiusos do Concello de Viveiro acolleu a presentación do libro de poesía infantil Gaiola aberta, do mestre e poeta Xoán Neira. Trátase dunha escolma de poesía infantil escrita por Neira ao longo de vinte anos, compilación que elaborou o crítico mindoniense Armando Requeixo. Está publicada en Baía Edicións.
Nesa presentación, na que nenas e nenos leron poemas a eles dedicados, tamén participou o cronista oficial de Viveiro, Carlos Nuevo Cal.
Ademais rendéuselle unha homenaxe ao mestre de música Manuel Rodríguez e ao seu coro do colexio Lois Tobío, que tamén actuou onte nese mesmo acto de presentación. Xoán Neira quixo render esta homenaxe ao mestre de música e ao seu coro, «pois con el iniciei a miña andaina no mundo da poesía infantil e xuvenil hai xa máis de 20 anos», sinalou.
O acto estivo organizado polo Seminario de Estudos Terra de Viveiro, coa colaboración do Concello.