«A distinción de ouro á nosa mel é un premio á nosa vida»
A Mariña
Entrevista | Fe Sixto Pernas Detrás desta empresa hai toda unha tradición familiar, onde a apicultura se converte ademais nunha forma de vida. O resultado, unha mel de calidade
Nunha páxina web dun dos seus paisanos, na axenda culinaria e cultural Colineta, Miguel Vila, experto en gastronomía, di que «O Trobo produce mel da mellor calidade». Agora, ademais, está recoñecida porque acadou a distinción de ouro na IV Cata dos Meles de Galicia, promovida pola Xunta e a Indicación Xeográfica Protexida. En edicións anteriores xa conseguira o terceiro posto.
-¿Que significa este premio a nivel galego?
-A distinción de ouro é un recoñecemento ao traballo, ao noso traballo, a nivel de Galicia. Cando fas unha cousa e cha recoñecen, sentes unha dobre ledicia.
-¿En que consiste o premio e quen é O Trobo (mel do Valadouro)?
-O Consello Regulador merca o mel gañador e lévao a todos os eventos. Tes as ventas aseguradas e págancho moi ben. Meu pai (Javier) leva toda a vida nisto. Está orgullosísimo. No 1999 comezamos co rexistro de sanidade e coa marca Mel de Galicia. A nosa é unha empresa familiar. O mel axúdanos na nosa economía. Meu pai ten 70 anos e dende pequeno se adicou á apicultura. Somos de tradición meleira, a nivel doméstico. Xa meus avós fabricaban veas coa cera.
-¿Cal foi a última produción apícola?
-Producimos dous mil quilos este ano, que é ridículo comparado con grandes produtores. Temos entre 80 e 90 colmeas en Ferreira e Ourol. É unha mel de calidade, de milfrores, aínda que unha colmea tira máis a mel de eucalipto e outra a mel de castiñeiro.
-É unha incondicional da Feira do Mel que se celebra no Valadouro.
-É á única á que imos. Tamén vendemos en supermercados da Mariña, Madrid e Eroski en Lugo.