¡Ai, a adolescencia! Mia ten quince anos, unha lingua de subela e vive (ou pelexa) coa súa nai, pouco exemplar, e unha irmá pequena, moi espelida. A Mia expulsárona da escola e a nai quere mandala a un centro para casos difíciles. Pasa os seus días sen norte na periferia de Londres e cando o novo namorado da nai, Connor, parece introducir un elemento de conciliación na axitada existencia da familia monoparental, comeza a desenvolver co home unha relación ambigua, ata que el desaparece das súas vidas. Non lles debo contar máis.
Para dar curso a esta historia, Andrea Arnold procurou actores non profesionais (agás Michael Fassbender) e só lles daba o guión inmediatamente antes de filmar. Son técnicas xa vellas para intentar adelgazar o inevitábel carácter de representación propio do cinema e tratar de recoller o pulso agreste da vida. Nesta ocasión, malia un exceso certo de metraxe, a estratexia tornouse eficaz, pois, na estrea como actriz, Katie Jarvies sabe aproveitar toda a súa expresividade natural perante a cámara e fai un grande papel. Aínda máis: consegue que o espectador pase da irritación inicial perante os seus comportamentos de maleducada a unha crecente simpatía. A directora, a tal efecto, mostra máis do que analiza e deixa a Mia ir cobrando vulto perante os nosos ollos, na mesma medida en que percorre o difícil camiño da primeira aprendizaxe do vivir, até ela se converter no grande atractivo do filme.
O éxito da globalización á hora de aniquilar os horizontes da esperanza, sumado ás encrucilladas típicas da adolescencia, explica o encerrarse de Mia no seu corpo e no baile hip hop, o único que, á verdade, lle interesa. Vive, razón do título Fish tank, a bater contra as paredes do abafante acuario que son os espazos da súa vida e o estabelecemento de vínculos persoais ou sociais tórnaselle tan precario como a posibilidade de achar un lugar no mundo.
Con certeza, nunha sociedade gobernada pola monarquía absoluta do económico, é difícil que sobrevivan modelos de identificación e, ao cabo, modelos de educación; só o falaz hedonismo do individuo desarmado. A resposta ás eternas procuras da adolescencia, onde a ilusión de autosuficiencia («déixame») apenas disimula a real inseguranza de quen mal se ten, convértese nun enigma sen solución, pois os adultos viven cadansúa forma de extravío e non achegan luz para o túnel da tempestade hormonal. Mia debe andar moito antes de achar o límite que a capacite para comezar a viaxe á vida adulta e así pór fin á constante cadea do ferir sen reparar nas guerras entre nai e filla. Non por acaso, as dúas acabarán expresando nun baile a tenrura por si mesmas e a súa desposesión. Aínda ben, porque orientarse, hoxe, para os adolescentes, é unha coreografía solitaria, sen concerto nin final.