Xosé Cameselle é o líder sindical da comarca de Vigo con máis Primeiros de Maio á fronte das manifestacións. Recoñece que este ano é diferente porque máis que nunca hai motivos dabondo para para saír á rúa.
-Tamén hai motivos dabondo para unha unidade sindical...
-O escenario é moito peor, moito máis difícil que outros anos. A unidade ten que saír dun plantexamento sincero, de lealdade e responsabilidade. Non sería crible unha foto xuntos.
-¿É porque CC. OO. e UGT seguen consignas estatais?
-Non somos dependentes de ninguén, somos parte dunha visión internacionalista. Non temos unha visión localista, nin nacionalista porque non é útil para os traballadores. Os dereitos dos traballadores galegos hoxe deféndense no Parlamento Europeo. É necesario potenciar un sindicalismo internacional.
-¿Cantas veces lle preguntaron por que CC. OO. non sae máis á rúa?
-Ninguén máis que CC. OO. ten promovido máis protestas e mobilizacións neste país, pero a presión debe ter un porqué e propiciar acordos. Nós non utilizamos as mobilizacións para consumo interno. O peor que está pasando aquí é a confrontación política e a inmadurez, que poden levar a non crer en ninguén.
-¿Aínda é posible o diálogo social?
-O que está pasando neste país non depende dunha reforma laboral. O que de verdade se necesita é regular a contratación, a estabilidade no emprego e, sobre todo, a aposta por un novo modelo produtivo.
-¿Hai diálogo co goberno galego?
-Está aberto, pero non hai avances. Non vemos vontade negociadora, está abocado ao fracaso. Hai moitas contradicións na Xunta. Ía solucionar todos os problemas, incluído o paro, e agora reclama investimento ao Goberno central como se non tivese competencias. Os investimentos produtivos están parados, as infraestruturas non están licitadas e os servizos sociais, en retroceso.
-¿Como ve a evolución do emprego na comarca para este ano?
-Non vai haber un aumento significativo do paro, pero tampouco haberá recuperación económica para xerar emprego. A industria vai tardar en amortizar todo o emprego que se destruíu na construción. Volverá a condicións normais a medida en que se vaia absorbendo o excedente.
-¿O sector naval é o que peor o vai pasar?
-O naval compite nos mercados internacionais e dependerá da evolución deses mercados. Pero a contratación de barcos tamén está en mans dos bancos e é necesario que as condicións de crédito cambien. Pode vir carga de traballo e certa estabilidade, pero nunca volveremos aos niveis que tivemos entre os anos 2005 e 2008.