«O papel de Amelia é servir e mediar nos arrebatos do crego»
Televisión
Rematou onte dous meses de teatro en Madrid cunha obra de Darío Fo
01 Oct 2012. Actualizado a las 07:00 h.
Mentres Amelia tenta convencer á parroquia de que é mellor escoitar misa con don Crisanto, a súa intérprete, Mercedes Castro, vai camiño de Sevilla para representar Tengamos el sexo en paz, unha obra de Darío Fo e Franca Rame.
-Amelia comeza o outono dun xeito guerreiro. ¿Non lle cambian as mañas dunha temporada para outra?
-Esa é unha das súas virtudes. Amelia sempre defende ao seu amo. Sempre coida do cura e está convencida que a súa igrexa é esa e non a nova á que van tan contentas as beatas. O seu papel é sempre servir na reitoral e mediar entre os arrebatos do crego e os da veciñanza, que non sempre lle resulta fácil.
-¿Como se encontra unha actriz cun personaxe que se mantén tanto tempo?
-Eu estou encantada. Tal como están os tempos máis, pero en calquera caso é un privilexio poder interpretar a Amelia e poder participar nunha serie que ten tanto seguimento e á que os espectadores lle son moi fieis. Como actriz, o papel de Amelia é moi agradecido. É un papel que me dá moitas alegrías tanto no persoal como no profesional.
-Agora mantén outro personaxe de muller en «Tengamos el sexo en paz», que tivo en Madrid ata onte e que agora leva a Sevilla.
-É un personaxe radicalmente diferente ao de Amelia. Non teñen nada que ver. No teatro estou soa en escena e falo co público das cousas do sexo.
-¿Cómo foi a experiencia de representar en Madrid durante dous meses?
-Madrid é un mercado duro para o teatro. Ou aguantas na taquilla ou non continuas. A experiencia está moi ben aínda que ten a súa presión. Pero a obra funcionou e mesmo creo que se podería ter ampliado algo máis no tempo de non ser que tiña xa os outros compromisos. Agora vou para Sevilla, para o teatro de Jesús Quintero.
-¿A experiencia dálle ganas de continuar traballando alá?
-É duro estar aí porque tes que responder a esa tensión de que non poderás estar se a taquilla non responde. Ademais, os produtores de teatro fan xa unha primeira criba e deixan fóra as cousas ás que non lles ven posibilidades. Pero, por outro lado, cando a obra vai funcionando e o teatro vai enchéndose tamén é agradecido.
-¿Falar de sexo directamente cos espectadores segue sendo tabú?
-Segue tendo algo diso. A xente sae agradecida do espectáculo porque creo que todos necesitamos falar desas cousas e recoñecer que son moito máis normais do que pensamos. No caso da experiencia en Madrid, o escenario estaba moi cerca e iso engadía unha circunstancia especial que me obrigaba a estar máis atenta ás reaccións dos espectador. Non tiña esa protección que che pode dar certa distancia. Pero a proximidade tamén permite coñecer o que están pensando os espectadores e ir facendo cambios.
-¿E cal é a resposta dos espectadores?
-Teño público de todas as idades, máis ou menos novos e incluso algunha xente maior. De entrada, as mulleres reciben mellor a obra que os homes, que sempre están máis previdos. Pero cando acaba a obra creo que os homes están máis agradecidos, porque creo que agradecen esa charla que lles dou e ton humorístico e amistoso con que lle digo as cousas.
mercedes castro actriz, amelia en «Padre casares»