O tempo coma moeda de cambio
Televisión
03 Jun 2010. Actualizado a las 02:00 h.
O concepto de banco de tempo comeza a estenderse. Trátase dun sistema de intercambio de servizos por outros, e a moeda de cambio non é económica, senón temporal. Todo se basea en horas. A fórmula ten a vantaxe de fomentar as relacións sociais entre persoas que non se coñecen e que pertencen a distintos estratos económicos.
V Televisión fai unha prospección sobre como funciona este sistema en Galicia a través de Cámbiocho! , un novo formato que estrea a cadea da Corporación Voz esta noite, a partir das 21.35 horas, e creado pola produtora Periféricos.
O programa presenta varios casos de persoas que demandan servizos e outras que os reciben a cambio de horas. Nesta estrea contactaron co banco de tempo de Caselas, na provincia de Pontevedra, fundado hai tres anos. Ten 51 usuarios e no programa seguiron a algúns deles. Manuel é un. Ten 67 anos e quere aprender a cociñar. Non sabe moito sobre que facer diante dos fogóns, e coñeceu a Cristina, unha paraguaia que leva algún tempo residindo en Galicia e busca novos amigos, xente que lle axude a integrarse nunha sociedade diferente á súa. A través do banco de tempo cítanse para realizar o intercambio. Cristina ofrécelle a Manuel varias receitas do seu país, coma unha sopa paraguaia que pouco ten que ver coas que se fan en Galicia. Manuel compra todos os ingredientes para realizar un prato que ten máis que ver cun pastel que cun caldo. Vai ao forno e é moi consistente.
Ana e Rosa tamén contactaron a través do banco de tempo deste concello pontevedrés. Hai diferenzas xeracionais entre elas. Rosa está xubilada e ten 65 anos. Ana ten 33 e traballa como administrativa.
Rosa está preocupada polo seu estado físico e quere facer deporte, pero dun xeito controlado. Ten en Ana un gran apoio. Ela coñece os conceptos básicos do tai-chi, unha arte marcial chinesa, que pouco que ten ver con outras más explosivas. Ana explícalle como debe facelo, nun parque dun monte preto de Caselas. Ana gaña tempo para outros servizos que precise.