La Voz de Galicia

Ben, grazas...

Televisión

MIGUEL ANXO FERNÁNDEZ

29 Dec 2005. Actualizado a las 06:00 h.

Á MESMA hora na que A revista da TVG falaba de cooperativas en avance, de deseño industrial, de fisioterapia, de ocio infantil, do tabaco e da súa incidencia na hostalería, ou mesmo conectaba en directo cun centro para maiores en Monforte, no magazine Por la mañana de La Primera, largaban sobre un preito entre Rosa Valenty e Moncho Borrajo, dos problemas profesionais e sentimentais de Carlos Larrañaga, e de non sei que leria arredor de Rocío Jurado e algúns dos seus invitados ao recente concerto-homenaxe que lle brindou TVE. Houbo máis en ambas, pero cadansúa na mesma liña. Ollo ao dato, porque falamos de dúas televisións públicas con todo o que implica e, de principio, a segunda non parece renunciar á conxuntura nin á liña marcada polas privadas. Pero TVG rexeita ocuparse de asuntos vinculados ao corazón marrón (nada de «rosa» ¡por favor!), e prefire exercer ao servizo da sociedade á que se debe. Mesmo cando se ocupa dalgún suceso ou desgraza, non cae na compracencia morbosa que ás veces impulsa o ex comisario Manuel Giménez, condutor de Por la mañana xunto a Inés Ballester. Son detalles que ás veces non son percibidos pola audiencia na súa plena dimensión, pero TVE deberá esquecerse das trapalladas dos Borrajo, Valenty, Jurado, Larrañaga e o resto. O que fai TVG e A revista , é máis digno. Por iso, ben, grazas¿


Comentar