La Voz de Galicia

Menos mal que era para rir...

Televisión

Camilo Franco santiago

28 Oct 2003. Actualizado a las 06:00 h.

Menos mal que o Centro Dramático Galego anunciou A comedia do Gurgullo como unha obra para rir, porque se non me pilla desprevenido e non me dá a risa en toda a representación. Moito de rir non é, desde logo. É unha comedia simple como un cataloguiño de situacións que, a priori, deberán ser divertidas, pero que non tal. Son só ridículas e esa é unha das grandes confusións en torno ó humor. Quero supoñer que Plauto era un tipo divertido e que esto que o CDG califica de comedia plautina é outra de tantas versións urxentes e acomodaticias que confían na indulxencia do público ou que entenden que o humor, lonxe de ser un síntoma de intelixencia, é unha demostración da escasez de luces. Entre o millón de desculpas do CDG, a desta vez era a de chamar polo público. Debe meter medo a idea que circula polo Centro sobre o público cando postos a pensar nel acórdalle esta relambida sucesión de tópicos que nin é graciosa nin cae en gracia. O sentido do humor é como o pan: algo cotidiano pero non fácil de facer. Utilizar argumentos plautinos non é materia suficiente para facer rir ós espectadores, do mesmo xeito que facer comedia burda non é reclamo que garantice o mercado teatral. Este Gurgullo apuntaba contra o seguro: unha colección de escenas prototípicas da comedia. Números que teñen demostrado a súa valía nos peores teatros e nas mellores películas do mundo. Apuntaba contra aí, pero a comedia anda desprotexida da gracia dos matices. A obra apoiase na comedia saltándose a primeira lección do xénero: é necesario reinventalo en cada ocasión porque o humor ten que acontecer cada vez. O CDG non reinventa nada, déixase levar pola lóxica das cousas aprendidas, confía no que hai e non pon nada, e se hai algo que mata o humor é a mecánica. Sae á pista cos motores encendidos e non consegue despegar nin para ir a Viana.


Comentar