Susana Seivane é a savia nova do folk galego. Con dous discos as súas espaldas, esta gaiteira foi unha das protagonistas do rexurdimento que a música tradicional experimentou a finais da década dos noventa. A colección de discos compactos Son de Galicia incluirá o último traballo de Susana, que saíu ó mercado baixo o título de Alma de buxo . Antes de que a antoloxía empece a distribuírse co periódico o próximo domingo, a gaiteira falou do que significa esta iniciativa para a cultura do país.
-¿Como valora a iniciativa de sacar ó mercado unha antoloxía de discos de música galega como Son de Galicia?
-Púxenme moi contenta cando me enterei de que se ía a facer esta colección. Penso que é unha oportunidade para que a xente se acerque a nosa música, e que, por extensión, poidan acceder á historia sonora do país.
-¿Que tipo de público pensa que terá Son de Galicia?
-Creo que será unha oportunidade para a xente que non coñece ós artistas que están incluídos nos compactos que se repartirán co xornal. Tamén é unha boa ocasión para os que xa son seguidores da música do país, xa que os discos están moi caros, e o prezo ó que se venderán os compactos desta colección é moi bo.
-¿Como ve o momento actual do folk galego tras a saída dos artistas novos que triunfaron a finales da década dos noventa?
-Creo que o bum que houbo na música folk galega nos noventa non se quedou nunha moda, porque as modas pasan, e sen embargo neste caso houbo moitos artistas que se mantiveron. Acabou quedando a xente que ofrecía calidade. Tamén foi moi importante a proxección exterior que tivo nestes últimos anos a música galega, e que posibilitou que os artistas chegaran a outros países.
-No seu caso particular, ¿que cambiou en Susana Seivane como artista e gaiteira do seu primeiro disco ó segundo, titulado «Alma de buxo»?
-Unha persoa que escoitara o primeiro disco e que logo oíse o segundo puido ver que o último ten instrumentos máis contemporáneos como o baixo eléctrico e a batería. Alma de buxo ten un son máis potente e máis cañeiro, aínda que conserva as esencias baseadas na música tradicional. No disco tamén hai composicións contemporáneas, pero que conteñen esa esencia tradicional. Por outra banda, penso que a miña evolución musical estivo marcada polos concertos en directo que din.
-¿A súa condición de productora en «Alma de buxo» fixo deste traballo un disco máis persoal?
-Cando empezas estás asesorada por moita xente, pero no segundo disco xa comecei a entender máis por onde ía o meu camiño musical. Rodrigo Romaní produxo o primeiro disco, e no segundo xa o produxen eu coa súa axuda. Rodrigo foi como o meu anxo da garda.