Microsoft desenvolve un corrector ortográfico de galego para o Office-XP
Televisión
REDACCIÓN SANTIAGO
A ferramenta permite usar esta lingua no procesador de textos Word ou no correo electrónico O galego entra na informática da man de Microsoft. A multinacional e a empresa galega Imaxin desenvolveron nos últimos anos o corrector ortográfico de galego 2.mill, que permite utilizar esta lingua en tódalas aplicacións que integran o paquete Office-XP, como son o procesador de textos Word, a folla de cálculo Excel, a base de datos Access ou o correo electrónico entre outros. Educación distribuirá gratuitamente 5.000 exemplares de CD-Rom a centros educativos e dependencias administrativas.
O novo corrector, que se poderá utilizar en Office 2000 e Office-XP, recoñece máis de 21 millóns de formas válidas, con mil nomes e apelidos e 1.200 topónimos galegos, portugueses, españois e europeos.
No proxecto participaron, ademais de Microsoft e Imaxin, a dirección xeral de Política Lingüística e o Instituto da Lingua Galega (ILGA), que achegou unha importante base de datos de tipo léxico. O conselleiro de Educación, Celso Currás, sinalou na presentación do corrector que se trata dunha ferramenta determinante, xa que facilita a utilización da lingua galega no mundo da informática, contribuindo á plena normalización do idioma neste campo.
O programa foi realizado pola empresa Imaxin, especializada en sistemas de tratamento da lingua, e tivo un coste de 13 millóns de pesetas. A Consellería distribuirá cinco mil exemplares dun CD-Rom co corrector entre centros educativos e departamentos administrativos. Tamén se poderá acceder a el a través da páxina web da Xunta.
O corrector 2.mill actúa tamén como autocorrector e incorpora unha función denominada motor de suxestións optimizadas, que calcula que palabras pode precisar sustituir nese momento o usuario. Outra das posibilidades desta ferramenta é a de permitirlle a quen o utilice ir confeccionando vocabularios adaptados á súa profesión, ou a unha determinada xerga. José María Arnedo, director de márketing de Microsoft Ibérica, explicou que o corrector para o galego era unha materia pendente da multinacional.