Fóra de horas de visita
Sociedad
«O corazón da Branca de Neve», de Francisco Castro
11 Aug 2013. Actualizado a las 07:00 h.
O inspector Hermida saíu do elevador e percorreu diante da asistente e da intérprete os escasos dez metros que había ata a 202. Colleu con forza o pomo da porta e xirouno para abrila e permitir que elas pasasen diante. Por pedido da policía, Leila non compartía cuarto con ningunha outra muller. A direción do hospital non puxera problemas pois estaban afeitos a ese tipo de situacións especiais.
As mulleres pasaron diante e separáronse bruscamente pois unha terceira pasaba entre elas ao tempo que emitía un lene e case que imperceptible perdón. A muller inesperada saía, xa que logo, da habitación de Leila. E saía, non había dúbidas, con moita présa.
O inspector Hermida entendeu que quen apuraba así, tanto como que viña de pegarlle un empurrón para apartalo, era unha visita. Pero, obviamente, unha visita non podía ser.
Abondou con que cruzaran os ollos a asistente e el e que pregaran os cellos ao tempo, para se decatar de que tiñan que ir por ela e parala.
E iso fixo Hermida. Chamala.
-Espere!
A muller, de costas, non esperou. De feito, comezou a camiñar máis rápido. E daquela o policía, xa dende o corredor, berrou máis alto:
-Espere!
A muller (arredor de corenta anos, de costas: elegante; saia por enriba dos xeonllos, chaqueta negra) comezou a correr. E, como nas peores películas de serie B da televisión, ao facelo, bateu contra dunha muller de uniforme verde que traía unha especie de carro grande coas comidas para as doentes. Hermida non o dubidou e púxose a correr detrás dela ao tempo que lle daba, agora si, o formal e regulamentario, Alto, policía.
Si. Talmente parecía unha escena de serie de polis clase B. Aínda que Hermida se sinte de clase Z, porque, definitivamente, esa muller váiselle escapar. Hermida, aínda non o dixemos pero vai sendo tempo, non é un policía preparado fisicamente para ser policía. Está gordo, sóbranlle dez ou máis quilos, está bandulleiro, e por iso sente, ao correr (canto había que non corría el por nada?) o corazón bombeándolle directamente na gorxa, que non se dá aberto para permitirlle a entrada ao aire que necesita para non afogar. E tan desesperado está, que solta un patético deteñan a esa muller!, xusto no intre no que ela entra no elevador e este se pecha, si, como nas malas series clase B, a porta diante dos seus narices.
Pégalle unha puñada ao ascensor e decide volver á habitación. Todo está revolto e hai mulleres e homes no corredor e xente saíndo dos seus cuartos para ver que foi o que pasou, a que se debe tal estrépito na planta dos recén nados, a que debería ser a máis calmada.
O inspector Hermida entra e xa a intérprete está facendo o seu traballo. E Leila está chorando, de novo asustada, de novo dicindo que a deixen tranquila, que non a boten de España, que lle traian á neniña. E érguese e colle as mans do inspector. E axeónllase diante del e Hermida non precisa saber árabe para entender que está suplicando.
E el quere morrer.
E de feito non lle importaría morrer alí mesmo.
Senta a Leila nun butacón verde que hai á beira da cama. El ponse noutro igual que coloca xusto diante. Sorrí e pensa que o aceno disimulará o aspecto espantoso que ten que ter así, todo suado e corado polo exceso físico.
-Dime quen era esa muller.
É a intérprete quen escoita e quen traduce:
-Di que non sabe. Que ela estaba a durmir e que esa muller a espertou.
-E que lle dixo?
-Nada. Non lle dixo nada. Acariñoulle a cara.
-Que fixo que?
-Acariñoulle a cara. Apartoulle o pelo -Leila si, repite o aceno, apártase o pelo da cara- e acariñoulle a cara.
RESUMO
O inspector Hermida ten que pelexar co aparente calello sen saída no que está pois a investigación sobre o roubo da bebé non avanza e coas pantasmas da súa memoria, sobre todo, coa da filla que se lle morreu por mor da anorexia. Séntese culpable pois os problemas da rapaza comezaron cando o seu divorcio. Leila ten a idade que ela tería de estar viva. Volve ao hospital para interrogala.