Bibliotecas
Sociedad
07 Oct 2005. Actualizado a las 07:00 h.
NUNHA mesma semana, tres enquisas nos debuxan un panorama desalentador da nosa mocidade: medra o acoso escolar, o alcohol e as drogas gañan adeptos, e a metade dos alumnos xamais pisan as bibliotecas dos seus centros (onde hai ese servizo, claro). Para moitos, os dous primeiros problemas aquí expostos serán os máis preocupantes, pero quizais pague a pena deterse na cuestión da lectura. A maioría dos adultos queremos que os rapaces se comporten dunha determinada forma, cando nós actuamos ao contrario. Cos libros acontece igual: poucos pais negarán o seu interese en que os fillos lean, pero outra cousa e facelo un mesmo. Cos profesores a cousa non é moito mellor; por profesión deberían estar obrigados a darlles un bo uso aos libros, pero poucos van alén dos manuais de texto (non o estou inventando: a enquisa da Fundación Germán Ruipérez asegura que só o 40% pisa unha biblioteca escolar). Aínda así, hai pais que inscriben aos seus fillos nas bibliotecas, que os levan a escoitar contacontos e que gozan con adianto das horas de diversión que están agardando en moitos libros, porque eles xa os coñecen. E hai mestres que buscan fórmulas imaxinativas, que len sen prexuízos e que pensan que ler non é un «quedabén» académico, senón un antídoto aos outros problemas serios. Todo con ilusión, vontade e iniciativa persoal. Pero, ¿non é deste mesmo xeito como se solucionan os demais problemas da sociedade?