La Voz de Galicia

Dodro activa un novo programa para escoitar aos seus maiores

Dodro

Uxía López Santiago / La Voz

Poñen en marcha unha iniciativa para «previr situacións de illamento, soidade, depresión e risco para o benestar integral das persoas maiores que residen soas»

02 Mar 2020. Actualizado a las 10:21 h.

Dodro Escoita. É o nome do innovador servizo que pon en marcha este Concello para atender aos veciños maiores que viven solos nos seus fogares. Esta iniciativa da concellaría de Servizos Sociais e Benestar, da que é responsable Xoán Bautista Mariño, está pensada para «previr situacións de illamento, soidade, depresión e risco para o benestar integral das persoas maiores que residen soas», segundo explica o concelleiro.

Deste xeito, o programa pretende encher un baleiro naquelas casas que, non necesitando doutros recursos, poden acollerse a unha iniciativa que «é moi persoal» e que mesmo ten algo de acompañamento. Está destinado, segundo o edil, a un colectivo cada vez máis importante e que preocupa ao Concello. Así, identificados os fogares unifamiliares polo padrón municipal, o goberno local decidiu destinar o servizo, de oficio, a persoas de 65 anos en diante, podendo acceder a partir dos 60 anos se se dan problemas de saúde ou autonomía que aconsellen as medidas de prevención.

Deste modo, o Concello xa contactou mediante carta personalizada cuns 110 veciños que, en principio, non perciben unha prestación ou teñen aberta unha ficha nos Servizos Sociais. A día de hoxe, dez deles xa expresaron o seu interese por adherirse ao programa. Trala aceptación de entrar a formar parte do programa e a valoración preceptiva por parte das persoas profesionais de Servizos Sociais, comezarán as chamadas telefónicas á poboación cun seguimento e control mediante un protocolo onde se anotarán as incidencias, valoracións e posterior análise para o estudo de cada caso.

O servizo é totalmente gratuíto para o usuario e non require ter ou non familiares, ou condicionantes económicos, como o nivel de renda, priorizando sempre as persoas máis necesitadas.

Segundo o concelleiro, por este programa xa se interesaron outros concellos, sen contar que, engade, «é un exemplo de, como co emprego axeitado dos recursos municipais, se poden mellorar as condicións de vida dos veciños», segundo conta Xoán Bautista Mariño, que non esconde a súa satisfacción por implantar a iniciativa.

Polo programa Dodro Escoita xa se interesaron outros Concellos, para copiar ou adaptar esta iniciativa de atención personalizada as persoas maiores, segundo conta o concelleiro de Servizos Sociais e Benestar. Este explica que fará falla un ano de funcionamento para saber como evoluciona esta iniciativa e como se pode mellorar.


Comentar