La Voz de Galicia

Somos todos

Santiago

Camilo Franco (camilo.franco@lavoz.es)

Non sei se Rober Bodegas fala da estupidez desde a experiencia ou só lendo os titulares...

31 Jan 2013. Actualizado a las 13:11 h.

HUMOR: «EL UMBRAL DE LA ESTUPIDEZ»

Vai comezar a falar e non vai dar acabado. É o que ten a estupidez: é ilimitada. Algunhas formas da estupidez deben estar ben vistas porque hai quen presume delas. Deben exercer algún tipo de fascinación porque son imitadas con moito ánimo. Igual é que é moi fácil ser parvo. E barato.

Non sei se Rober Bodegas fala da estupidez desde a experiencia ou só lendo os titulares, pero escolleu un argumento no que a ciencia non quere entrar, as igrexas prefiren utilizar e os gobernos consideran tan común que o equiparan á cidadanía.

Cando se fala da estupidez creo que está contraindicado quedarse no umbral. A corrección política pode aconsellar non utilizar esta palabra (e o seu campo semántico asociado) con liberdade de prensa, pero eu creo que si. Que temos que recoñecer todos o que a estupidez leva feito por nós e de nós. A primeira gran falsidade sobre este estado de animo (por chamalo así) é que sempre é allea. Como os cartos, a estupidez sempre é dos outros.

Pero é imposible. A estatística explica que non pode ser. Que algunha parte desa torta tivo que tocarnos aínda que asubiemos. Todos sabemos disimular porque todos sabemos comprar en Zara. Pero as contas están claras: se non somos parvos, non deixan de tratarnos como tal.

Durante unha época explicáronme como virtude a capacidade de facerse o parvo. Quizais levamos tanto tempo facéndonos o parvo que acabamos padecendo algunha mímese perversa e agora non somos capaces de abandonar esta condición. Escapemos un pouco: quizais fomos tan convincentes facendo o estúpido que non lles quedou outra que tratarnos así. E puxémonos á tarefa de non contrarialos porque os tempos non eran chegados e porque un galego case sempre evita causar un problema a menos que o outro implicado sexa da casa. Vou parafrasear a un Kennedy que tan de moda está nestes días da toma de posesión de Obama: non preguntedes que clase de estupidez é a do mundo, preguntádevos que clase de estupidez é a nosa. E ten que ser así porque doutro xeito non mo explico.

Humor «el umbral de la estupidez»

Días: Hoxe e mañá

Horario: 21.00

Entradas: 12 euros, 9 en anfiteatro.

Circo: cabaré | A elegancia dos malos tempos

As mañas do circo están universalizándose: facer máis con menos, facelo máis difícil cada vez e que todo o que facemos día con día parecera imposible hai tres anos. Estamos cumprindo como artistas.

Mañá hai festa do circo pouco máis arriba desa festa de paseantes de interior que é o centro comercial de As Cancelas. É unha festa cabaré e, quitando a diversión, son moi de recomendar o que de pedagóxico hai en todo espectáculo. E posto que, quen máis quen menos, inicia calquera mes obrigado aos malabarismos, non está demais que aprendamos a facelos dos profesionais.

Porque a cousa non leva trazas de afrouxar e porque, postos a superar as dificultades, a todos nos presta pasalas con un algo de elegancia, con un algo de dominio. Co desafío de poder dicir: para isto hai que apretar o cu pero mira ti que ben que nos queda a postura.

Nave de Circonove

Días: Mañá

Horario: 21.30

Entradas: 3 euros

Lugar: Rúa As Cancelas, 125.

TEATRO: ZAPATOS | As historias que contar aos bebés

Os espectadores propicios para este espectáculo non van a poder ler isto. Aínda non saben. Os seus pais, con bo criterio, preferirán contarlle algúns contos encadernados para non espertar neles a descon?anza do porvir -que palabra- antes comezar a andar.

Esta é unha historia para bebés. Unha historia de zapatos que non se usan pero aínda conservan o valor. Teñen ocupación pero non traballo. Teñen traballo pero non soldo. Os cativos non son de poñerse a facer metáforas nin de perder o tempo cos titulares. Debe ser semellante ao que lle din paraíso.

Días: Sábado, 2

Horario: 17.30 e 19.00

Entradas: 5 euros

Zona C

Días: Sábado, 2

Horario: 17.30 e 19.00

Entradas: 5 euros

TEATRO: «O MÉTODO GRÖNHOLM» | O ánimo da clase obreira

Unha vez escoitei que o ánimo da clase obreira podía desmontarse por pezas. Primeiro había que dicirlles que non eran de tal clase e, cando estaban ben convencidos, había que quitarlles algún dereito e, logo, unha parte substancial da paga. En segundo que casos había que deixalos sen traballo. O método había que seguilo nesa secuencia, como se montan os mobles de Ikea, para non poñer en perigo o resultado. O resto era cousa coñecida: a vella historia do pau e a cenoura, pero con moito máis pau.

Salón Teatro

Días: Ata o domingo

Horario: 20.30 horas. Domingo:

18.00

Entradas: 10 euros

E POR PETICIÓN POPULAR: EXPOCONVENTO | Salivar, salivarei

Vou saírme do carriliño. Do cultural. Aínda que está escrito que a gula é un pecado de primeira división, unha parte da mellor repostería universal procede dos conventos. Non teño coñecementos para entrar no paradoxo de que o traballo dun convento poida incitar ao pecado. Pero non estou preocupado por iso: Non teño fe. E teño fame.

Anuncian 250 variedades de doces e como non me presta nada a literatura gastronómica, nin as súas manías persecutorias, non vou utilizar todos eses cualificativos que en ringleira comparan os doces das monxas con algunhas variedades do ceo.

A proba de excelencia ten que ser terreal, máis humana. Pensar en probar delicias de xema, perlitas de licor, mazapán, dátiles recheos ou bocadiños árabes (as monxas non se paran con nada). A estas alturas do texto xa estarán como cans de Pavlov. Salivo logo existo.

Días: De hoxe ao domingo

Horario: Xoves, desde as 19.30. Venres a domingo: de 10 a 20.

por petición popular

San Martiño Pinario

Días: De hoxe ao domingo

Horario: Xoves, desde as 19.30.

Venres a domingo: de 10 a 20


Comentar