Herdeiros de Os Resentidos
Santiago
«A tribo toda baila» recolle nun dobre disco as cancións orixinais do grupo máis as versións realizadas sobre elas por bandas galegas
03 May 2012. Actualizado a las 06:56 h.
«Agora seguimos resentidos, pero é da próstata». Con esa ironía afrontou Antón Reixa a presentación de A tribo toda baila, o disco de tributo a Os Resentidos que o vindeiro día 12 terá versión concerto en Ourense.
O dobre cedé presentado en Compostela permite, segundo Reixa, o «odioso exercicio da comparación» ao ofrecer nun dos discos dezanove versións de temas do grupo e, no outro, as versións orixinais gravadas entre 1986 e 1994.
Os promotores do tributo, Roberto Sobrado, Miguel Mosqueira, Samuel Solleiro, Marcos Paino e Daniel Salgado, consideran, como sinalou Mosqueira, que é de «xustiza» un tributo a Os Resentidos. «A súa existencia lexitima a todos os que vimos despois e cantamos en galego», sinalou.
Reixa sinalou unha das diferenzas existentes entre o presente e a época en que o grupo que liderou actuaba: «Só nós utilizabamos o galego entre os que faciamos pop-rock, agora hai un cento de grupos que o usan».
Outro dos integrantes da banda viguesa, Rubén Losada, explicou que o disco vale para sacalo «dun erro» que tiña el respecto ao grupo: «Sempre pensei que non tiveramos influencia ningunha, pero escoitando o disco vou ter que dicir que me equivoquei». Para Reixa, o disco e as comparacións servirán para contrariar a vella teoría de Alberto Torrado, «o líder espiritual do grupo», segundo o vocalista. «El era esencialista e pensaba que só había un xeito de facer unha canción; o disco demostra que non», dixo. O concerto en Ourense reunirá a tres dos integrantes da banda máis a invitados como Miguel Costas, Julián Hernández, Luís Tosar, Uxía e Budiño. Reixa prometeu que Os Resentidos «non volverán» e que non cantarán «peor ca daquela». Engadiu: «O noso problema como banda non é afinar, é que estamos maiores e non podemos seguir sen permiso do urólogo».