A casa da cultura de Muros acollerá mañá ás 13.00 horas a entrega do Premio de Historia Medieval de Galicia e Portugal 2009, organizado pola Fundación Comarcal de Noia e Muros, o Concello muradán e a editorial Toxosoutos, da que David González Couso é director dende hai un ano. O gañador coa obra A casa de Soutomaior, Suso Vila, estará acompañado polo tamén finalista Ernesto Iglesias, autor de As moedas medievais galegas.
-¿Cal é a valoración das obras premiadas?
-No caso do primeiro premio hai claramente unha labor de documentación, análise e transcrición de documentos que botan luz sobre o período baixomedieval no que a casa de Soutomaior adquire gran protagonismo. Respecto do finalista, o tema resulta sumamente curioso porque non abondan os estudos sobre numismática galega. Moi rigorosamente tratado, ensaríllanse numerosos temas sobre as moedas dende a orixe do concepto e o nome ata a traxectoria histórica na que transcorre o seu uso.
-¿Resultou difícil elixir as obras entre o resto de títulos presentados?
-Cada membro do xurado terá formulado moitas veces se actúa de xeito xusto, aínda que o establecemento dos criterios non deixe moita marxe, está claro que moitas veces prima algunha cuestión de gusto persoal ou afinidade investigadora, pero a posta en común e o debate entre os membros que xulgan as obras da un resultado que afina cara a decisión máis xusta.
-¿Considera que o premio está recoñecido a nivel autonómico?
-Non todo o que debería, pola contía económica, pero tamén porque o premio de historia medieval ten boa acollida na universidade, ademais dos seus vencellos con historiadores ben recoñecidos. Penso que é das poucas apostas editoriais que mostran a evolución da historia local á universal, indispensable a primeira para a existencia da segunda.
-¿Que difusión e utilidade terán os libros premiados?
-A súa publicación e presentación como algo inmediato e, por outra parte, a posibilidade de que os seus autores estean avalados por un premio así introdúceos nun ámbito académico de xeito relevante. En canto á utilidade, dedúcese do que levo dito que estes traballos constitúen unha ferramenta para os estudosos do mundo medieval, xa que constitúen chanzos que completan a visión da historia de Galicia e Portugal e das súas achegas.
-¿Cales son os actuais valores de Toxosoutos?
-Fundamentalmente as coleccións Keltia e Trivium, as apostas por novos creadores en narrativa, poesía e ensaio. Ademais inauguramos en breve unha nova colección, denominada Esmorga que pretende achegar ao ámbito escolar textos de grandes autores precedidos dun estudo rigoroso da man de especialistas. Os autores cos que abriremos a nova serie son Euloxio Ruibal e Claudio Rodríguez.