As naves da Catedral aparecerán hoxe revestidas con sete grandes tapices procedentes dos fondos do seu Museo. Con esta exposición, que permanecerá montada ata o día 15 deste mes, o Cabido recupera unha tradición esquecida, que se abandonou a mediados do pasado século, de engalanar con tapices e cortinaxes a basílica con ocasión da colocación do Monumento de Xoves Santo.
As sete pezas foron recuperadas do almacén do Museo e locen colgadas despois de que foran sometidas a un proceso de limpeza superficial pola restauradora galega Noelia Márquez, que traballa temporalmente no centro museístico da Catedral por conta do Cabido. O templo posúe unha importantísima colección de tapices, e non todos están expostos por razón de espazo.
A iniciativa de sacar estes sete tapices nestas datas sinaladas responde ao desexo de recuperar do esquecemento pezas do rico e importante patrimonio catedralicio. Prodúcese despois de que no pasado verán se inaugurara no Museo a sala de tapices de Goya, que foi acondicionada expresamente para reunir as pezas, tamén restauradas, co mecenado do BBVA. Nesta ocasión o proceso que se levou a cabo non foi unha restauración senón unha recuperación de fondos que só requiriu unha limpeza de po. Os tapices están en moi bo estado polo que respecta ás cores dos estampados, porque estiveron a salvo da luz, pero presentan danos de diferente entidade causados polo antigo sistema para colgalos. Non lles viría nada mal unha restauración, aínda que ao dicir dos responsables, é máis importante conservalos. Aseguran que despois desta sacudida de po e facendo un seguimento da súa conservación «poden botar moitos anos sen que o deterioro aumente, porque non sempre é doado restaurar, pero é indispensable conservar».
Cinco dos sete tapices que se poden ver dende hoxe adornando os muros da Catedral son de tema alegórico. Corresponde ás series Vida de Aquiles e Los amores del dios Pan , que foron realizados a mediados do século XVII nos talleres de J. Räes e R. Oorlofs sobre cartóns de P. P. Rubéns e de T. Van Thulden. A Catedral posúe outras cinco pezas destas dúas series que están nas salas do Museo.
Os dous tapices que completan a mostra aberta ata o día 15 son dunha serie de doseis gobelinos realizados na Real Fábrica de Tapices de Santa Bárbara en 1764 por encargo de Carlos III para colocalos no seu dormitorio. A basílica compostelá aínda ten un terceiro dosel da mesma colección, que está exposto permanentemente na Sala Capitular da Catedral.