La Voz de Galicia

Referente do surrealismo

Santiago

Concha Pino santiago

Crónica | A Fundación Eugenio Granell celebra os seus primeiros dez anos A memoria e o legado do artista galego son o eixo da actividade cultural da entidade, tanto se son exposicións como iniciativas de distintos colectivos

26 Nov 2005. Actualizado a las 06:00 h.

Eugenio Fernández Granell cumpriría mañá 93 anos, pero hai catro que faleceu, en Madrid. Nacera na Coruña, pero estivo moi vinculado a Compostela, onde viviu de rapaz, e colaborou activamente co Concello para crear nesta cidade a fundación que leva o seu nome e que botou a andar hai agora dez anos no pazo de Bendaña. Legoulle os fondos da súa colección particular, máis de 2.000 obras de arte, e a súa importante biblioteca. O lugar privilexiado que ocupa a sede da entidade, na praza do Toural, convértea nun espazo central da vida cultural compostelá. Con precariedade de medios e moita vontade, a súa directora, Natalia Fernández Segarra, filla de Granell e da súa segunda dona, Amparo Segarra, mantén viva a memoria do que foi un dos artistas surrealistas españois máis importantes, que acadou a plenitude da súa arte nos longos anos do exilio en varios países de América. A Fundación Granell é un referente para o surrealismo artístico e intelectual, centrada na promoción, difusión e mesmo recuperación da obra do fundador. A actividade expositiva non só achega a obra de artistas que mantiveron unha estreita relación con Granell, senón de creadores novos que están revitalizando en todo o mundo o movemento que xurdiu en París. De aí que un dos programas deste ano sexa un ciclo de exposicións de artistas e grupos surrealistas, ademais dunha mostra, aberta nestes días, de Vela Zanetti. Manter viva a memoria do surrealismo non impide outras liñas a esta entidade cultural, entre as que é salientable a promoción de novos artistas plásticos galegos, acoller iniciativas das vangardas literarias, musicais e escénicas, e a xenerosa cesión das súas salas para mostras de colectivos cidadáns ben diversos, ademais de talleres para nenos, unha faceta que perdeu terreo nos últimos anos, pero que se mantén con algunhas iniciativas didácticas alleas.


Comentar