Disfraces
Santiago
O FIADEIRO | O |
05 Apr 2003. Actualizado a las 07:00 h.
EN FEBREIRO, no Iago -sala emblemática da Compostela monumental-, participamos na orixinal presentación do libro que recolle o texto teatral de Manuel Guede, O nome dos disfraces. Trátase da primeira proposta escénica escrita por este ourensán que vive na Maía, tamén autor de versos e prosas, director dende hai anos do Centro Dramático Galego. Con O nome dos disfraces, 3C3 Editores abre a colección Rubín/Teatro, chamada así por ser Rubín un lugar milagreiro, con algo de maxia e mito, na parroquia xalleira de Cícere. Alí conviven dende tempo inmemorial unha ermida, unha fonte, un demo pisado polo arcanxo Gabriel, un palco, a virxe María... O acto desenvolveuse cunha singular posta en escena. Estas xentes do teatro sempre nos sorprenden coas súas coartadas suxerentes. O Iago converteuse de súpeto nunha cantina dunha estación ferroviaria. Dende as mesas, os «clientes» fixemos análises e lectura de textos. Os xogos de luces e as voces dos actores disfrazaron o nacer deste libro, precedido dun prólogo no que Inma López Silva di: «Cómo nos fascina o teatro de Camus. E cómo nos sorprende tamén o teatro de Manuel Guede (...) É a obra dun director de escena».