Chicken salad sandwich
Relatos de Verán
22 Aug 2021. Actualizado a las 05:00 h.
As señoras da limpeza tiñan unha escala de preferencias á hora de buscar traballo.Un «choio con chave» era o máis ansiado para elaborar o seu propio horario sen depender de ninguén para abrir a porta.
Era a chave da liberdade. Cando levei as miñas fillas a Londres por primeira vez, perdín a conta das veces que dixen, «aquí traballou a avoa», cando pasabamos por diante da casa, das oficinas, dos restaurantes e da tenda onde traballou Mamá.
«E logo, cantos traballos tiña a avoa?» preguntaron. Moitos.Levantábase tan cedo que marchaba antes de espertar eu para ir á escola. Botaba o día a limpar polo centro de Londres.No inverno, ata o sábado, non vía a luz do día na nosa casa. Pero ela sentíase libre. Ninguén mandaba nela.
Acompañeina moitas veces polas tardes despois da escola e durante as vacacións. Onde mellor o pasaba eu era nos restaurantes italianos. A piccola Maria era sempre benvenutta e dábanme cousas ricas para comer.
Na casa cerca de Oxford Circus, íanseme os ollos ás pertenzas doutras vidas, pero tiña claro que non se movían do sitio! Nas oficinas máis me valía resistir a tentación de meter no peto provisións de papelería que eran a miña debilidade!
Na tenda, antes de que abriran para o público, eu posaba diante dos espellos como Debbie Harry ou Kate Bush, coa mangueira da Hoover na man a modo de micro.Cada ano polo nadal, agradecíanlle a miña nai o traballo feito, con agarimo, regalos e o Christmas bonus. Entendín que Mamá era respectada no seu gremio.
E cando queríamos vir pasar un mes de vacacións a España no verán, non faltaban compañeiros para cubrila nos seus postos. Con Mamá aprendín que todo traballo é digno. Para outros, limpar era unha escravitude, pero eu nunca a vin tan libre. Jesusa era Susi.
Era dona do seu tempo, recorrendo o West End dos anos 60, 70 e 80, mirando escaparates entre choio e choio. Todos os días, á hora de xantar, mercaba o chicken salad sandwich que lle sabía a gloria sentada nun banco do parque. E aínda hoxe lembra ese emparedado de polo con leituga e tomate como se fora un manxar propio de reis.
María Gestal Couto. Profesora. 54 anos. Oleiros.